Bailando con cifras e cifras

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O Outeiro

OURENSE

18 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Como cada vez que saen uns orzamentos (sexan da Xunta, da Deputación ou do Estado) os do partido que goberna din que son a bomba, e a oposición sae en tropel berrando que son o peor. Sempre, ou case, iso si, o foco só se pon no cemento. Coma se o demais non importase. Só importa que haxa partidas e máis partidas para proxectos que levan anos aparecendo nas contas públicas. E o importante semella que cada vez sexan cifras maiores, aínda que despois non se gaste un euro no previsto e acaben os cartos sabe quen onde. É a lea de todos os anos. Desta volta os que máis berran son os do PP, que critican con forza que o Goberno de Pedro Sánchez decidira darlle moitos máis cartos a Cataluña que a Galicia. E critican que o fagan a cambio dun puñado de votos. E non andan faltos de razón. No que parece que andan faltos é de memoria. Porque cando o fai (sempre) José Manuel Baltar, que reparte a dedo os cartos da Deputación nos concellos que a el lle parece, entón non teñen nada que dicir. Todo lles parece xenial e non escatiman folgos en venerar ao presidente da Deputación. Curioso, non? Soa moito a ver a palla no ollo alleo e nin facer caso da viga que hai no propio. Mágoa que non apliquen aquí o de actúa en local, pensa en global. Porque se un defende un partido (e un xefe directo, porque ao final é quen os mete na lista electoral ou os deixa fóra) que reparte os cartos a dedo, non debería estrañarlle que os demais o fagan. Que iso non debería ser? Pois claro que non. E por iso é que agora os do PSOE deberían saír abertamente a pedirlle a Sánchez que aplique o que lle reclaman (sen éxito) a Baltar.