Os autobuses ourensáns farán paradas antiacoso desde hoxe

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

As mulleres poderán pedir que as deixen en calquera punto do traxecto

06 dic 2018 . Actualizado ás 21:07 h.

Baixar do autobús de noite e percorrer o treito desde a parada ata casa xa non será un mal grolo para as mulleres que teman ser agredidas. Os autobuses urbanos da capital ourensá aplicarán desde esta fin de semana as coñecidas como paradas antiacoso. Avisando con antelación ao condutor, o bus deixará ás mulleres en calquera punto do traxecto para que estean máis preto do seu destino e, dese modo, evitar situacións problemáticas para elas.

Este servizo comezará a funcionar hoxe pola noite e estará dispoñible os venres de 23.00 a 6.30 horas e os sábados e vésperas de festivos de 23.00 a 7.00 horas. Aplicarase nas dúas liñas nocturnas, é dicir, o coñecido como Moucho-bus. Son a 25A (Vinteún-A Cuña) e a 25B (residencia-estación de autobuses). Así o acordaron onte o concelleiro responsable de Mobilidade, José Araújo, e o xerente da empresa adxudicataria do servizo de transporte, Urbanos de Ourense.

O sistema, segundo explicou onte o goberno local, será sinxelo. As usuarias que decidan facer uso do sistema de paradas antiacoso comunicaranllo ao condutor ao subir e o autobús deixaraas no lugar indicado por elas sempre que non supoña un perigo para a circulación. En caso contrario, parará no lugar máis próximo. Por outra banda, a muller baixarase pola porta dianteira do bus e os traballadores do servizo «estarán sempre pendentes de como se efectúa a baixada para, no seu caso, avisar á Policía Local de calquera incidente que se poida producir», precisa o goberno local nun comunicado difundido onte.

O concelleiro de Mobilidade, José Araújo, explicou que tras o acordo adoptado co xerente de Urbanos de Ourense quedou aberta unha vía de diálogo coa empresa para aplicar outras medidas deste tipo. Este proxecto, segundo indicou o edil, será avaliado «cantas veces sexa necesario para que sexa perfecto precisamente pensando na integridade das mulleres». Araújo indicou, por outra banda, que grazas ás paradas antiacoso tanto aquelas que se dirixan ás súas casas como as que vaian aos seus lugares de traballo ou de lecer «o fagan coa máxima tranquilidade».

Contrato en precario

Cabe lembrar, por outra banda, que este medida vén cumprir cun acordo plenario adoptado o pasado día 2 de novembro. Entón debateuse unha moción presentada polo PSOE que formulaba tres propostas de acordo. Unha delas era a das paradas antiacoso. Ademais, a corporación municipal acordou a adhesión do Concello de Ourense á plataforma europea Women in Transport, que promove a inserción laboral das mulleres no sector do transporte xa que se trata dunha profesión que aínda é maioritariamente masculina.

Finalmente, o acordo plenario daquel día 2 de novembro urxía a licitación do servizo de transporte urbano xa que a concesión leva case catro anos funcionando en precario. A oposición pregunta periodicamente por este asunto e esta mesma semana Ourense en Común volveu interesarse por iso nunha reunión da xunta de área de Promoción Económica, Emprego e Contratación. O goberno local explicou que seguen traballando na tramitación do prego de condicións. O executivo argumenta que a nova lei de contratos públicos demorou todo o proceso máis do desexado.

En Vigo leva funcionando desde febreiro e reciben unhas setenta peticións ao mes

A implantación das paradas antiacoso popularizouse en Galicia tras a súa posta en marcha en Vigo. Alí levan funcionando desde o pasado mes de febreiro e a iniciativa considérase un éxito. O servizo nos autobuses de Vitrasa recibiu ata setenta peticións ao mes. O seu uso foi especialmente intenso durante o verán, cando máis viaxeiros utilizan as liñas nocturnas.

Por outra banda, máis recentemente, o Concello de Vigo aprobou unha nova ordenanza para regular o servizo de taxis que obriga aos condutores a agardar a que as mulleres entren nos seus portais se estas o solicitan. O alcalde da cidade viguesa, Abel Caballero, que tamén é presidente da FEMP (Federación Española de Municipio e Provincias), invitou publicamente a todos os concellos do país a que poñan en marcha medidas deste tipo.