A UD Ourense gaña con suspense ao Porriño

Maite Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Marcou o único gol pronto pero sufriu na segunda parte e na recta final

18 novs 2018 . Actualizado ás 20:23 h.

A UD Ourense non deu opción ao Porriño. Cun temperán gol -remate de cabeza de Rubén Arce aos seis minutos tras xogada de Marquitos pola banda esquerda- e presionando con intensidade a saída de balón dos industriais, os rojillos dominaron toda a primeira metade.

E iso que o equipo visitante, a pesar da súa condición actual de pechacancelas, non se mostrou nada timorato no Couto. Intentárono os de Manu Losada pero non lles saíu. Case todo o cortaban antes os locais, e se non, estaba Pato que salvou un man a man con Claudio (24').

Sen máis ocasións claras, chegouse ao descanso. E na segunda parte, continuou a tónica pero cun xogo menos contundente dos locais. O Porriño deixouse ver máis a miúdo arriba e puido ter algo máis de fluidez co balón pero sen finalizacións. Os porriñeses podían facer ataques máis longos e causaban máis sensación de perigo. A UD Ourense, en cambio, estaba case desaparecida en ataque salvo unha contra que intentou culminar Fondevila pero que cortou Fer saíndo co pé sen problemas. Os ourensanistas tiveron que concentrarse nas tarefas defensivas para salvar a súa mínima vantaxe. Aí mantivéronse fortes a pesar de que o Porriño puxo a proba a concentración dos locais.

A tensión chegou ao final nunha xogada de Rubén Arce co porteiro Fer. O atacante unionista encaroulle e o meta salvo a ocasión. Cando Arce se retiraba deixou a perna e o ourensán empurroulle. Acabou expulsado. A UD Ourense tivo unha postremeira ocasión a balón parado con esa falta pero os seis minutos de prolongación fixéronse eternos. Un córner forzado por Hugo e un disparo deste ao traveseiro puxo o final.

Ficha técnica

UD OURENSE: Pato, Josu, Codeso, Corzo (Luis González, min 60), Vieytes, Viti, Rubén Arce, Fondevila (Adrián Vaz, min 70), Hugo García, Rubén Durán e Marquitos (Presas, min 55).

PORRIÑO Ind. : Fer, Bruno, Portas, Alberto, Pelo, Areal, Pedro (Carlos Campo, min 62), Edu, Benja (Richi, min 50)  Claudio e Caramés (Pana, min 69). 

 

GOLES: 1-0, min 6, Rubén Arce, de cabeza.

ÁRBITRO: Méndez Castro (A Coruña). Expulsou con vermella directa a Rubén Arce (min 89) e amoestou a Josu, Fer, Bruno e Carlos Campo.

INCIDENCIAS: 2.000 espectadores no Couto. Gardouse un minuto de silencio polo exjugador do CD Ourense Delmiro Pérez e polo presidente da CEO José Manuel Pérez Canle.