Un acusado de violación leva no cárcere desde a súa detención en febreiro do 2017

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O imputado enfróntase a peticións de cárcere que suman dez anos de prisión e 20.000 euros de indemnización

15 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A porta pechada celebrouse onte a vista dun caso de agresión sexual que sentou no banco a un ourensán que permanece en prisión desde febreiro do 2017, precisamente por mor dos feitos. A denunciante mantivo a versión inculpatoria, mentres que o acusado a negou, matizando que o achegamento dos dous protagonistas foi consentido e que non chegou a producirse a relación sexual completa que lle atribúen. A vista continuará hoxe coas declaracións dos peritos e análises dos informes, parte deles realizados en Madrid polo Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, para finalizar cos informes da fiscalía, a acusación particular e a defensa.

Entre os nove testemuñas de hoxe figuraba a vítima, catro policías que chegaron ao lugar e comprobaron as discrepancias que no mesmo momento xurdiron entre os dous implicados, xunto con tres persoas, propostas pola defensa, que estiveran co acusado e a muller nun bar da Carballeira.

De madrugada

O incidente sitúase sobre as catro e media da madrugada do 2 de febreiro do 2017. A fiscalía mantén que o acusado, A. F. P., quixo acompañar a casa a unha muller a pesar da súa negativa. Durante o traxecto, se «propasó» en varias ocasións e «animado pola intención de atentar contra a liberdade sexual» da muller, abalanzouse sobre ela e sobouna en distintas partes do corpo. Suxeitoulle o pescozo e meteulle os dedos na boca, coa intención de que non berrase, segundo a interpretación do ministerio público. Ao mesmo tempo, de acordo co seu relato, tirouna ao chan e penetrouna vaginalmente, mentres lle dicía, de acordo coa detallada narración da fiscalía, que «se non es para min, non es para ninguén».

Resistencia

A fiscalía salienta que a vítima mantivo oposición e resistencia física, á vez que berraba pedindo auxilio. Dos berros decatouse un condutor que circulaba pola zona e alertou á policía.

A petición de condena é de nove anos pola agresión sexual e un ano por lesións, con 20.000 euros de indemnización para a vítima.