Arenteiro e Barco, a nova versión dun derbi clásico do século pasado

OURENSE

Álvaro Vaqueiro

Os equipos ourensáns reencóntranse na categoría 23 anos despois

27 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os derbis ourensáns na Terceira División non serán unha rara avis esta tempada. Converteranse case en algo cotián, dada a presenza de catro equipos da provincia na categoría. Así, na xornada dúas chega xa o primeiro cruzamento de rivalidade desta campaña, aínda que enfronta a un equipo de cada punta da provincia, coa cita de Espiñedo (18.00 horas) entre o Arenteiro e o CD Barco. Os duelos entre ambos non son inéditos. Tanto Arenteiro como Barco compartiron etapa na categoría. Máis dunha década entre as tempadas 1982/83 e 1993/94. Os últimos derbis de Espiñedo acabaron con vitoria local.

O partido é especial para o cadro anfitrión e para a afección de Espiñedo. O primeiro encontro en Terceira división despois de 23 anos, nun campo que viviu moitos duelos desa categoría. Durante a semana, Manel Vázquez traballou na recuperación anímica do equipo despois da derrota en Somozas. O Arenteiro ten «ganas de lavar a imaxe do primeiro partido» e motivación por xogar o primeiro partido en casa na nova categoría. Agárdase un bo ambiente nas bancadas de Espiñedo, coa numerosa afección local e o desprazamento de seguidores valdeorreses.

No cadro barquense, afrontan o encontro con vistas ao seu mar uns puntos que fagan bo o empate da primeira xornada ante Vilalonga. David Álvarez, xogador do Barco, apunta que, como todos os derbis, será un partido especial, aínda que chegue na xornada dúas cos equipos empezando a rodar. No equipo verde militan xogadores con pasado barquense como Macía, Borja Fernández, Carlos de Dios, Rubén Arce ou Adil, algo que ten presente David Álvarez á hora de desexarlles sorte para o que resta de tempada. «Coñezo a varios xogadores cos que coincidín e gustaríame que lles fose ben a partir de mañá», apunta.

O de Ponferrada agarda que o Arenteiro se asente na categoría, aínda que advirte que o grupo primeiro da Terceira división é complicado. Ambos os equipos enfrontáronse fai menos de quince días, na pretemporada. Pero nin o técnico do Arenteiro nin o xogador do Centro de Deportes Barco consideran que se poidan sacar conclusións para a liga daquela cita amigable. «Non é o mesmo en pretemporada que na competición, que xa xogas ao cento por cento, aínda que o adestrador nos deu pinceladas de como poden saír».

Se o Arenteiro quere borrar o primeiro partido, o Barco quere aumentar a súa conta, que foi escasa en puntos, consideran, para o visto en ocasións ante o Vilalonga. Arbitra a ourensá Zulema González.

O Ourense CF debuta no Couto ante o Alondras

Desde as 19.00 horas, o Ourense CF vivirá o seu primeiro partido como local na Terceira División. Ao Couto chega o Alondras, primeiro líder da categoría tras a súa contundente vitoria da primeira xornada (6-1) ante o Noia. O equipo de Cangas conta co porteiro expontino Álex Vila. O Ourense CF anunciou, ademais, a cesión do angoleño Anderson ao Rápido de Bouzas. Segundo comunicou o club vigués, Anderson tivo a oportunidade de ser fichado polo Málaga para a súa filial, pero como o segundo equipo non ascendeu, o angoleño declinou esta posibilidade porque non quería xogar en Terceira. O equipo albinegro buscará hoxe facer bo en casa o empate cultivado na primeira xornada en Vilagarcía de Arousa.

Terá que madrugar o Barbadás para a súa cita (12.00 horas) no municipal de Laracha. Moisés Pereiro inclúe dúas novidades na convocatoria, Rivero e Martín Fernández. No equipo azul xa non segue o canario Cristian Batista. O Laracha gañou na primeira xornada en Boiro.