Podemos e Esquerda Unida escenifican o seu apoio á «marea»

Miguel Ascón Belver
MIGUEL ASCÓN OURENSE

OURENSE

Ourense en Común exhibe os seus respaldos políticos, incluídos membros de Anova

21 may 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A «marea» ourensá presume de ser unha candidatura de base cidadá, pero conta tamén co apoio de organizacións políticas tradicionais. Ourense en Común non só non os oculta, senón que os exhibe e onte, por exemplo, compareceron xuntos en rolda de prensa varios membros da lista ?con Miguel Doval á cabeza? e a coordinadora nacional de Esquerda Unida. A pesar de que o primeiro militante desa formación que aparece na candidatura está no posto número cinco (Carlos Miguélez), Yolanda Díaz pediu abertamente o voto para a «marea», do mesmo xeito que o candidato de EU á presidencia do Goberno, Alberto Garzón, que colgou un vídeo en Facebook animando aos cidadáns a votar a Ourense en Común mentres loce unha chapa desa candidatura na solapa da súa americana. Podemos non foi tan explícito, pero tampouco oculta o seu respaldo á «marea» ourensá. Onte convocou un acto aberto á cidadanía no que o seu secretario xeral, Víctor Ferreiro, explicou que lle retiraron o seu apoio por un tema «case burocrático», pero que Ourense en Común é «a única ferramenta válida para cambiar as cousas». Ademais, a «marea» convocou hoxe á prensa a unha roda á que asistirán representantes das forzas políticas que lles apoian abertamente. Ademais de EU, Espazo Ecosocialista, PUM+J, Demos + e Equo, inclúen entre eles a Anova (que, tras unha grave crise deixou a «marea» e preséntase en solitario) así como a Bote, un grupo que se desligó da organización liderada por Xosé Manuel Beiras.