José Pablo Figueiras:«Volven os anos nos que os homes se coidaban a barba e o estilo Elvis»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Miguel Villar

A Barbería Chicho foi elixida en Barcelona como a mellor de España

13 mares 2014 . Actualizado ás 07:15 h.

Hai menos dun ano que José Pablo Figueiras reformou totalmente a Barbería Chicho, situada na rúa Eulogio Gómez Franqueira da capital. O obxectivo non era outro que o de adaptar a barbería ao século XXI peros mantendo a esencia dunha negocio que comezou a andar da man do seu pai e outro socio en 1968. Sabía que era o momento. Púxose en contacto co portal en Internet barberiasconencanto. Un lugar no que poder compartir experiencias e un punto de encontro daqueles negocios que queren pór en valor o traballo dos barbeiros. O pasado domingo, José Pablo Figueras -tras pasar á final do premio de mellor barbería de España con outros tres establecementos- recolleu o galardón no marco da celebración en Barcelona de Cosmobelleza. Pero os primeiros pasos para converter a Barbería Chicho nun referente viñeron fai algúns meses, cando recibiu o distintivo Q de Calidade outorgado por theQhair, a guía de calidade da barbería. «Hai que ter inquietudes e ganas de moverse. Preocupeime de reformar o negocio e de facelo tendo en conta o que se facía noutras partes», comenta Figueiras.

Fala dun rexurdir das barberías que vai estreitamente ligado ás novas tendencias masculinas. «Volven os anos nos que os homes se coidaban a barba e o estilo Elvis. Os anos nos que o meu pai comezou co negocio», di. Destaca a necesidade de estar preparados e da profesionalidade e a técnica dos barbeiros. «Eu traballei co meu pai. Del aprendín moitas cousas e logo formeime. É un traballo moi técnico e pulido», explica. Ademais de atraer a novos clientes, polo cambio de tendencias, José Pablo Figueiras asegura que a Barbería Chicho segue tendo aos de sempre. «É importante facer cambios pero non perder a esencia dunha barbería», indica. E por iso, entre outras cousas, no negocio persisten as cadeiras características do negocio familiar que se integran perfectamente no conxunto. «O retro está en auxe», explica. A revolución no mundo das barberías non quedará aí, José Pablo Figueiras ten previsto aglutinar as inquietudes de todos os barbeiros da cidade. «Temos pensado facer outros tipo de actividades, cousas que teñen que ver coa profesión e tamén outras que nos fagan presentes na sociedade», explica. De momento quédalle un ano para presumir dunha galardón que pon a Ourense na vangarda do sector.

«É importante o premio e que un pequeno negocio familiar chegue a tanta xente»

José Pablo Figueiras