De que deberiamos celebrar o Día da Democracia

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

OPINIÓN

Martina Miser

Hai que volver a crear ilusión para construírmos o Estado social e democrático de Dereito

14 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Cada día estamos a ver que a práctica política é a do insulto disfrazado dun lamentable enxeño chistosiño, o que acentúa a impresión de liviandade e teatralidade fatuas dos políticos. Se cadra tamén por iso a ONU propón que mañá conmemoremos o Día da Democracia.

Non se pode dicir que todo o mundo viva en democracia e os españois aínda non temos ese orgullo porque terá que pasar algunha xeración máis para que aquí non estean interiorizadas as mañas do réxime anterior. E entre algunha xuventude, como ovos do demo, aniñan propostas de racismo, de salvadores, de fomento da inversión armamentística ou dun Estado policial; e, particularmente, a consideración de que a política só é un xeito de enriquecemento persoal. A desinformación, o autoritarismo e a redución dos espazos cívicos son síntomas mortais para a vida en democracia.

Estamos nun momento difícil e parece, non sendo excepcións, que a actual clase política non quere saír da lama e do esterco e segue a insistir en andar camiños enlamados con diversos zudres. Ultimamente a política baseada só na permanente aldraxe non permite ver propostas para mellorar, para manter horizontes abertos, para darnos futuro. E iso vale tamén para as corporacións locais: os titulares de prensa ás veces dan arrepío e sempre parece que están a dicir só o a graza que quere oír a súa facción. Por iso seguramente convén pornos a lembrar cousas básicas.

Para empezar, que exista un Estado só ten sentido se se entende como un instrumento para alcanzar e garantir o pleno exercicio dos dereitos humanos. Non pode concibirse para ignoralos ou negalos. No caso español convén reler o artigo 1.1 da Constitución cando di que «España constitúese nun Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do ordenamento xurídico de seu a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político». Considera vostede, lector, que se está a cumprir? Deste precepto cabeceira só lembrar que o Estado español ten que reunir dúas características. A primeira, ser social; é dicir: ten que evolucionar cara ao Estado de Benestar e de ningún xeito ten cabida nun Estado social o abandono dos desfavorecidos, nin das necesidades básicas das persoas durante toda a vida.

España non se constituíu en 1978 como un Estado neoliberal; e seguramente unha interpretación axeitada desta Constitución leve a considerar que no noso ordenamento xurídico non teñen cabida postulados dese neoliberalismo que se opoñan á igualdade. Estado social. E o que non o queira así que modifique a Constitución.

Segue dicindo o artigo 1.1 que o Estado ten que ser democrático, pero non calquera xeito de democracia, senón unha democracia baseada no Dereito, que —entendan a reviravolta— ten que ser Dereito social. Hai moitísimos problemas relacionados co enfoque forzosamente social que han observar as Administracións públicas na súa actuación. A modo de exemplo a vivenda.

Inzados de pisos de entidades bancarias

Valga como mostra que desde o 2008 os nosos municipios están inzados de pisos e casas de entidades bancarias, esas que foron saneadas cos cartos públicos, mentres os alugueiros son inaccesibles. Ningún Concello do Salnés adoptou medidas a pesar de que deberían desempeñar un papel fundamental para asegurar a realización progresiva dos dereitos económicos e sociais como o do dereito a unha vivenda digna. Poderían tomar exemplo da cidade de Terrassa, que desde o 2013 sanciona aos bancos por incumprimento do uso social das vivendas que manteñen baleiras.

Outra pezoña que provoca que a xente común desprece a dedicación política é a corrupción. O Índice de Percepción da Corrupción de 2024 sitúa a España no posto 46 de 180 países, compartindo posición con Chipre, República Checa e Granada; e na UE arrástrase polo posto 16. Mañá, pois, é o Día da Democracia. Hai que volver a crear ilusión para construírmos o Estado social e democrático de Dereito. Cada xornada, sen paranza.