
Parafraseo o título dun artigo dos Trojero na revista Blanco e Negro onde se doían de non poder tomar mexillóns, o ano último do século XX, en ningún do entón cinco mellores restaurantes de Galicia. Vinte e cinco anos despois, a situación parécese.
Uns bivalvos apreciados en tempos de Felipe II, que, a pesar de ser a especie que sitúa a Galicia e a España como o maior produtor de acuicultura da UE, nin están nin se lles agarda nas políticas do mar. Lémbrese o último conflito coa Xunta. Dous anos despois de reducir as zonas para semente de mexillón de roca, a recolección de percebe foi de 230 toneladas, un 10% menos que as 254 declaradas no 2021, datos de Pesca de Galicia.
Tampouco foron anos bos para o mexillón, con resultados de alarma na ría de Arousa, sobre todo na súa zona interna. Unha situación nova polas condicións ambientais, incluídas as antrópicas, tan opacas.
De pano de fondo, os enredos entre as organizacións mexilloeiras, parte da súa historia. Convén lembrar a creación de Pladimega, posicionada niso a Consellería de Pesca (2006-2009), e o grave conflito entre o mexillón e a industria no verán do 2008, o que levou a unha folga de descargas ese verán, unha gran conflitividade dentro do propio sector e un peche patronal o 6 de outubro das industrias conserveiras (Anfaco). Peche que forzou a reabrir as descargas de mexillón aos prezos de sempre, ampliar a desunión mexilloeira, que perdura, e a extinción de Pladimega, con denuncias recíprocas e sancións da Comisión Nacional da Competencia (CNC) tanto para as asociacións mexilloeiras como para Anfaco. Un conflito con graves erros, segundo recoñeceu algún dirixente de entón.
Ata eses anos, o destino do mexillón era dun 65% para industria e un 35% para fresco. A partir dese conflito, e dos resultados do traballo do grupo de bivalvos do IEO e o CSIC sobre mexillón sen desdobre (menos sementes por metro de corda e orixe da semente: Revolución na batea, 2 de abril de 1998, Juan Carlos Ortiz, La Voz de Galicia), o desenvolvemento do cultivo sen desdobre permitiu ampliar os mercados internacionais de fresco, acadando as 48.000 toneladas no 2023, fronte ás 6.000 no 2012. Foi precisamente o conflito do 2008, e as debilidades que evidenciou nas vendas, o que potenciou o uso desa tecnoloxía «sen desdobre», os mercados de fresco europeos e o cambio de destino da produción mexilloeira, onde a dependencia do sector industrial, que absorbía o 70% da produción —con descontos en peso ata do 20%—, investiuse a favor dos mercados de fresco, que hoxe absorben máis do 60% da produción, mentres a industria non acada o 40%. Todo iso cunha demanda europea en expansión que supera as 600.000 toneladas, cando a produción de mexillón en Galicia non acadou estes dous últimos anos as 180.000. O que desloce as expectativas para gozalos.