Falar cos mortos

OPINIÓN

Dado Ruvic | REUTERS

28 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai catro anos, moito antes de que a IA entrase con forza nas nosas vidas, o amigo Xosé Monteagudo ideou Eternity, unha interesante novela sobre a inmortalidade, que consistía nun negocio de catro enxeñeiros informáticos que ofrecían unha memoria virtual das persoas falecidas. O asunto consistía nun inmenso arquivo dixital onde se mantiñan indelebles os recordos que os achegados tiñan dos defuntos. Agora leo, estupefacto, que esa idea do escritor pontevedrés ten réplicas máis desenvolvidas en China e nos Estados Unidos con empresas que prometen algo moito máis inquietante, como é resucitar os nosos mortos convertidos en avatares dixitais para que conversen connosco. O adestramento dos modelos de intelixencia artificial faise coas mensaxes, correos electrónicos, fotografías, gravacións e calquera outra cousa que os mortos deixaron en vida. Así teremos un dobre virtual, mesmo cunha voz, un estilo e unha personalidade moi semellante á da persoa falecida. Non vou discutir que este sucedáneo da inmortalidade que achega a tecnoloxía non axude as persoas non seu dó. Pero pensar que isto vai máis alá do entretemento, ou darlle consistencia coma se fose unha relación normal, non deixa de ser algo tan tremendo que fala ás claras dunha sociedade cada vez máis ridícula e infantil. Con independencia das implicacións legais, xurídicas, económicas, psicolóxicas ou de calquera tipo que poida arrastrar este asunto, negar a morte dos seres queridos, e rexeitar o dó coa nosa total entrega a esta copia artificial, o que realmente fai, máis alá de manter a ilusión dunha ausencia, é crear para os vivos algo que non ten nada que ver coa morte nin a resurrección dos seus seres queridos, senón coa dependencia pura e dura da propia tecnoloxía.