
James Schwarzenbach debería figurar en todos os nosos manuais de historia. Os compatriotas que emigraron a Suíza nos anos 60 e 70 do século XX lembran este nacionalista e populista de dereitas (curmán, ironicamente, da escritora antifascista Annemarie Schwarzenbach), defensor da ditadura de Franco e inimigo dos Gastarbeiter, é dicir, dos «traballadores invitados», como se lles chamaba daquela. Co argumento da «estranxeirización» que puña en perigo a identidade suíza, o rico e carismático Schwarzenbach lanzou en 1968 unha iniciativa popular dirixida á expulsión masiva de inmigrantes, que se votou en 1970. A iniciativa obtivo un apoio do 46 % e causou terror entre a poboación foránea. O medo non pasou: en 1974 e 1977 houbo dúas votacións máis sobre este tema, que tampouco prosperaron.
Schwarzenbach aplaudiría a proposta, lanzada por Vox en xullo de 2025, de deportar millóns de persoas estranxeiras que disque son incapaces de adaptarse á nosa cultura, alteran a nosa tranquilidade e provocan inseguridade. Este proceso de «remigración» obedecería á vontade de «seguirmos sendo España». O partido de extrema dereita avoga, en consecuencia, por unha política identitaria e racista de limpeza étnica, contraria ao dereito estatal, europeo e internacional en materia de dereitos humanos.
Os cambios sociais provocan medos e desconfianzas que cómpre detectar e abordar con respostas axeitadas. Por iso, o debate sobre a inmigración non pode xirar ao redor das mentiras e do discurso de odio da ultradereita. Os estranxeiros non fan medrar a nosa (baixísima) taxa de criminalidade, nin parasitan o Estado social. Estas persoas, alén de seren persoas, fan traballos que non queremos facer os españois, e ademais consomen bens e servizos e pagan os seus impostos e as súas cotizacións á Seguridade Social. Precisamos unha política de inmigración realista, viábel e ordenada. E deberiamos reflexionar, de paso, sobre a nosa identidade colectiva. Seguramente non sexamos quen de saber que diantre é, pero igual acabamos descubrindo que somos insoportabelmente narcisistas e etnocéntricos.
A expulsión masiva de estranxeiros sería unha catástrofe demográfica e económica e impactaría dun xeito dramático sobre os sistemas fiscal e de benestar. A nosa taxa de fecundidade é tan baixa que non damos asegurado a substitución xeracional, e a nosa prosperidade económica non se explica sen a incorporación de man de obra inmigrante. Pero, como xa dixo Max Frisch en 1965, «chamamos traballadores e viñeron persoas». E estas persoas, que disque non comparten «a nosa cultura», nin poden integrarse nin ser percibidas como unha fonte de riqueza e de crecemento, fican reducidas á mera condición de ameaza.
En St. Moritz, na súa tumba, pode lerse en español que Schwarzenbach foi comendador da Orde de Isabel a Católica. En efecto, España concedeulle esa distinción en 1947. Era a época da ditadura. Pero o odio é espeso e viscoso, difícil de limpar. Preguntémoslles por James Schwarzenbach aos nosos emigrantes retornados. Sentirán un arrepío e lembrarán que, se non fose polos «traballadores invitados», non cobrarían as súas pensións.