Calar

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DÁ INQUEDANZA

OPINIÓN

monica ferreiros

27 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Ás veces non somos conscientes do impacto que teñen os nosos actos e palabras nas vidas doutras persoas. Esquecemos que cada comentario importa, e que pode ser recibido de mil xeitos distintos. Esquecemos tamén que calquera dos nosos actos, por moi pequenos que sexan, teñen as súas consecuencias. E cada vez que, pola razón que sexa, falo de máis, ou digo máis do que querería dicir, penso naquela frase de Javier Marías na súa novela Fiebre y lanza: «Callar, callar, es la gran aspiración que nadie cumple ni aun después de muerto».

Hai uns anos adquirín o hábito de morder a lingua (figuradamente) para non dicir de xeito automático todo o que se me pasa pola cabeza nese momento. E coido que nese exercicio aprendín moito sobre o noso xeito de relacionarnos e sobre a nosa tendencia a dar consellos e opinións que ninguén nos pide. Cada un ten o seu xeito de estar no mundo, e todos temos dereito a opinar e a dar consello, pero cal é a nosa responsabilidade? Por que sentimos que podemos aconsellar a quen non nolo está pedindo? Ou dar a nosa opinión a quen non a solicitou?

É curioso porque a pesar de que fago o exercicio acotío, hai veces que, por razóns varias (cansazo, desidia, ira), de súpeto sorpréndome a min mesma dicindo cousas que aparecen pola miña mente e que solto sen pensar. Sorpréndome a min mesma contando feitos ou historias que quizais non debería contar. E entón síntome culpable, pois son consciente de que o dito dito está, e que non hai volta atrás... Este exercicio de contención é todo un reto para a miña natureza, pero é tan necesario! Parar para reflexionar, e cuestionar o noso criterio antes de falar... tan sinxelo e tan complexo!