
Ninguén adiviñaría nunha tarde de homenaxe aos galegos da Fundación Pedrón de Ouro que as guerras virían mais cargadas de bombo. Quen prometeu a paz e non estivo en Vietnam, investiuse comandante en xefe e, na compaña de Netanyahu, bombardeou Irán. Repetíase aquela guerra no Irak, ou o abandono do Afganistán. Unha guerra esta de enorme potencia, con bombas de 13 toneladas e avións B2, que converten a zona nun continuo fervedoiro de mortes e incertezas que seguen ás de Gaza, Cisxordania, ou Líbano.
E si mentres nas súas políticas á contra dos emigrantes Trump actúa coa Garda Nacional, no xogo estratéxico de Oriente Medio exerce como o comandante en xefe que a Constitución lle outorga. Un soño que en guerra permitiríalle seguir na presidencia mais aló do mandato. Se ben a razón da Casa Branca para bombardear Irán era impedir a proliferación nuclear, a de Trump seica busca un cambio de réxime. Algo que nos anos 50 fixera a CIA, co MI6 británico, derrocando ao réxime democrático de Mosaddegh para dar paso ao sha Reza Pahlavi. Agora Trump leva a EE.UU. a unha guerra de Israel, e antes impulsou os Acordos de Abraham con algúns dos países sunnitas. En todo vencedor, ou tal din. Sen saber de Putin.
Nun orde máis caseño —a OTAN—, as esixencias de Trump para investir o 5 % do PIB en defensa deron coa carta do Goberno español non accedendo a el, pese as palabras fachendosas de Trump respecto de España. O que trae á memoria a retirada das tropas españolas na desfeita iraquí, e aquel mesmo Rutte dende Holanda aferrollando entón o gasto, con aquel «España nos rouba», na crise financeira de 2008.
Volve, morto Francisco, a Conferencia Episcopal onde sempre estivo logo de Tarancón. Un súmase á preocupación pola corrupción e os corruptos. Lamenta que eles só o fagan cando non os teñen por seus. Por máis que o caso Cerdán e asociados, empresas incluídas malia o que diga o presidente dos empresarios, esixe respostas firmes e datos certos da UCO e dos xuíces. Un acouga cando ve unha lóxica xudicial. Fronte a outras que cualifican a un ministro de protervo.
Á espera do Constitucional e a súa sentenza sobre a amnistía, chega o bruar contra o seu presidente. Un fervedoiro ausente cando un dos que foi presidente viña de ter carné de militante popular. Chega tamén un outro clásico popular: Aznar e o PP falan de trucar as eleccións. Fixérono no 2023, ás voltas con Correos. Na semana tamén seguirá a opa sobre o Sabadell, aquí Sabadell Gallego. Unha semana con fogueiras e herbas de San Xoán. Empezada co solsticio de verán e a peza esperada de Xulián Parga, unha de Grieg interpretada pola Sinfónica de Galicia.
De vésperas, na horta da Casa de Rosalía, Xosé Ramón Fandiño presentaba o seu libro Un fío de amor e lealdade a Galicia: 60 anos da Fundación do Pedrón de Ouro. Unha fundación que traballou Galicia. No solpor desa tarde sentíronse os versos de Ramón Cabanillas. Daquel seu Vento Mareiro chegou, na voz de Mª Xosé Rodríguez, «Ferve o mar, brúa o vento».