A cheminea das Pontes: patrimonio dende a base
OPINIÓN

Este artigo pretende analizar a declaración da cheminea da central térmica das Pontes como Ben de Interese Cultural (BIC). Desde a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes consideramos necesario ofrecer unha visión ampla e equilibrada. Hai quen pensa que a cheminea «divide profundamente a comunidade». Esta afirmación non se sostén: no expediente da Xunta constan case 3.000 apoios por escrito recollidos en só dúas semanas nun municipio de menos de 10.000 habitantes, o que constitúe unha clara expresión do sentimento popular. A isto engádese o respaldo do Concello das Pontes e da Deputación da Coruña, reforzando así a idea dun consenso amplo e transversal.
Tamén se invoca a Carta de Nizhny Tagil para cuestionar a medida, pero o propio comité internacional para a Conservación do Patrimonio Industrial, organismo que redactou a carta, manifestou mediante un comunicado formal o seu apoio á nosa plataforma. Tamén o fixeron entidades e expertos recoñecidos a nivel nacional e internacional como Icomos España, a Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero, a Associació del Museu de la Ciència, la Tècnica i l'Arqueologia Industrial de Catalunya e a Asociación Galega do Patrimonio Industrial, entre outras, así como especialistas de prestixio como Jorge Mira Pérez, Manuel- Luis Casalderrey, Pilar Biel, Joaquín Sabaté Bel, Andri Tsouti, Miguel Ángel Álvarez Areces, Xoán Carmona Badía ou Carlos Nárdiz Ortiz. Este consenso técnico e institucional desmonta calquera idea de división social ou de falta de rigor no proceso. Contrariamente á suposta incompatibilidade entre conservación e reindustrialización, a declaración BIC permite precisamente explorar usos mixtos e novas sinerxías. O exemplo do Nord-Pas-de-Calais, en Francia, ou da rexión do Ruhr, en Alemaña, amosan como un legado mineiro pode ser reconvertido nun motor de futuro, xerando emprego e identidade territorial. A cheminea das Pontes, recoñecida polo Guinness como a máis voluminosa do mundo —e que seguirá sendo así, posto que non se farán máis desta tipoloxía—, é un recurso único. O vídeo do fotógrafo Okos, con máis de medio millón de reproducións, confirma o seu impacto visual.
A defensa da cheminea non foi imposta; naceu da veciñanza, unindo sensibilidades diversas arredor dun símbolo común. Unha enquisa recente, encargada a unha empresa externa, tamén arroxou resultados maioritariamente favorables á súa conservación. A declaración como BIC non é mirar atrás con nostalxia, senón avanzar con raíces fondas. Este símbolo común pode ser semente dun futuro no que a historia traballe a carón da innovación, abrindo novos camiños para o noso pobo. Agora, o reto é sumar vontades e transformar este legado nun activo vivo para As Pontes.