Sobre a «nova» Deputación de Pontevedra e as dotes de campechano do presidente

Álvaro Carou VILAGARCÍA / LA VOZ

OPINIÓN

Álvaro Carou é vicesecretario seral de Estratexia Territorial do PSdeG-PSOE na provincia de Pontevedra, e concelleiro do goberno de Vilagarcía
Álvaro Carou é vicesecretario seral de Estratexia Territorial do PSdeG-PSOE na provincia de Pontevedra, e concelleiro do goberno de Vilagarcía MONICA IRAGO

Esas novas formas representan a volta a un escuro pasado que os socialistas desterraramos da institución provincial

05 jun 2025 . Actualizado a las 11:33 h.

Alcanzado case o ecuador do mandato provincial, toca valorar e falar das importantes políticas públicas de carácter social, ironía modo on, pensadas para mellorar o benestar da cidadanía; de quen obrigou a renunciar a 16 membros do PP de Rodeiro da lista electoral que el pechaba, (pouco se fala disto), para despois dun resultado inesperado poder facerse co posto de presidente da Deputación, a conta de cargarse a todos os seus compañeiros e compañeiras.

Si, falamos de Luis López, o político do eterno sorriso. Tras dous anos á fronte da institución poderíamos resumir as súas principais accións en:

  • Convocar as distintas asociacións veciñais en actos pola provincia, (con viño español mediante, que non falte por suposto), para repartir cheques a discreción en modo moderno, coma se de padriño que lle leva a pascua ao afillado se tratase.
  • Acudir a sacarse a foto, (diso si que non se lle pode negar que fai quilómetros), disfrazado co seu habitual sorriso de político campechano, ás obras que, ideadas polos distintos alcaldes e alcaldesas cos seus equipos de goberno, cos cartos que lles corresponden aos seus veciños, pero cunha posta en escena cinematográfica e discurso megalómano, coma se se lle ocorreran e as levase a cabo ou construíse case el mesmo…
  • Ou accións que si levan o seu selo realmente como + Convivir Peques, unha sorte de despregamento de inchables xigantes para nenos e nenas con merendola gratis por suposto e un escenario para, mentres os nenos e nenas xogan, nun exercicio de derroche de medios e cartos públicos, dedicarse a lanzar discursos políticos aos pais e nais á vez que o Dj do evento mete cuñas a viva voz de «viva a Deputación» ou «viva o presidente». Por certo, o colexio acumula lixo, unha semana despois desa celebración, afectando ao desfrute do recreo dos nenos e nenas.

Iso si, case hai que darlle as grazas por idear o Plan Máis Provincia, que non é máis que un cambio de nome ao Plan Concellos co que a anterior Deputación socialista repartiu os fondos por primeira vez nesta provincia con criterios obxectivos e de equidade, convertendo en dereitos dos municipios a libre elección dos proxectos, obras e melloras que estes executamos.

Despois de todo iso aínda é capaz de presumir de dous anos de xestión (co seu modus operandi), e de acusar de deslealdade ao PSOE, e faino quen habitualmente se planta, sen aviso previo, en edificios municipais, casual e exclusivamente, con concelleiros do PP na oposición, sen avisar aos gobernos locais, no que é unha total falta de respecto institucional ou, ao revés, nas localidades onde gobernan os seus, tamén se olvida de convocar á oposición no que é un total ninguneo.

Estou seguro que verían a concelleiros do PP de Vilagarcía en actos da Deputación en Vilagarcía, pero non terán a ocasión de ver a concelleiros da oposición de, por exemplo, Ribadumia ou Meaño nos actos alí celebrados. A isto chámanlle estabilidade e respecto institucional, o selo PP. Estas son as novas formas da actual Deputación de Pontevedra, nin máis nin menos que a volta a un escuro pasado que os socialistas desterraramos dunha institución como a provincial que nos pertence a todos os cidadáns por igual.

Volveuse así á política de compra de vontades con diñeiro público e ao caciquismo ao servizo do PP. Miren a moción de censura na Mancomunidade do Salnés, onde o concelleiro independente que a favoreceu que ademais é oposición” ao PP no seu concello, acabou contratado na Deputación de Luis López. É isto o que a sociedade de Pontevedra se merece? Demostra Luis López, coas seus habituais postas en escena, grandes dotes de actor para unha nova saga de Regreso ao futuro. Iso si, sempre co seu sorriso e modos de campechano, e por desgraza este país xa sabe o que ocorre con certos campechanos.

Dentro de dous anos a cidadanía valorarán as políticas e as formas. Veremos como acaba esta película.

Álvaro Carou é vicesecretario seral de Estratexia Territorial do PSdeG-PSOE na provincia de Pontevedra, e concelleiro do goberno de Vilagarcía