«Fomentamos a lectura en galego, pero atopámonos sós»

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

29 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Un cole galego na Feria do Libro de Madrid

Somos un colexio público e pequeno de Redondela que nuns días representará a Galicia no concurso Pequeños Gigantes de la Lectura, na Feira do Libro de Madrid. É a primeira vez que as nenas e nenos de cuarto dun colexio galego chegan tan lonxe. Participarán con coles de todo o país e farano en lingua galega, pois foi así como gañaron a súa praza no concurso de lectura do Hematofest, que impulsou Ledicia Costas en homenaxe ao Hematocrítico. Pero, tristemente, non poderán acompañar á representante (Candela) todos os rapaces e rapazas do equipo, porque nin o Concello de Redondela, nin Normalización Lingüística da Xunta, nin a Deputación de Pontevedra nos botan unha man para sufragar a viaxe. «Non hai partidas para iso», foi a resposta que se repetiu.

Somos un centro pequeno, público e con poucos cartos, e, aínda así, subvencionaremos os traslados en Madrid e as comidas, pero a viaxe en avión, ao non haber axudas, ten que correr á conta das familias, e moitos tiveron que quedar por non dispoñer deses cartos.

Que mágoa que non haxa apoio para unhas nenas e nenos que desbordan ilusión por representar Galicia e a nosa lingua en Madrid! Fomentamos a lectura, pero atopámonos sós. E iso que temos un club de lectura cun premio nacional, no que cada vez máis rapaces e rapazas se apuntan. Abraham Domínguez Cuña.

Rexeneración da praia de Samil

O proxecto municipal de rexeneración dunar na praia de Samil (Vigo) expón un serio debate sobre o equilibrio entre natureza e cidade. Aínda que o plan inicial propuña o retranqueo do paseo marítimo 50 metros cara ao interior e a eliminación de infraestruturas para restaurar o ecosistema, as decisións adoptadas contradín esa intención: concesión de 25 anos ao Marine Cíes, un novo hotel de maior volume e un retranqueo finalmente de só 25 metros. Ademais, priorizar solucións artificiais (cemento, asfalto, farois e rotondas) en lugar de naturais.

Sorprende tamén a eliminación de espazos utilizados por miles de cidadáns: piscinas, parques, zonas deportivas e árbores consolidadas. Recuperar Samil implica perder zonas de goce para crear dunas intocables? Non sería máis sensato ampliar beirarrúas e manter o equilibrio entre o natural e o urbano? Luna Santana. Candeán (Vigo)..