
Cando Feijoo decidiu dar o salto a Madrid existía unha certa unanimidade con que el fose o encargado da reconquista do poder en España para un Partido Popular en plena crise de identidade e de liderado. Especialmente, de liderado. Lembremos a caída de Pablo Casado, triturado pola emerxente lideresa de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
O certo é que Feijoo aterrou en Xénova indiscutido e coa finalidade de reconstruír sen estridencias a dereita española. Chegou a presidente do partido da oposición coa bitola de ser un reformista moderado, moi afastado dunha dereita dogmática e ultraliberal, cuxa sensibilidade tamén existe no seu partido.
O político galego atopouse con que un dos seus principais problemas, se non o maior de todos eles, é gobernar a súa propia casa. Desde que chegou a Madrid hase visto sometido a unha presión atroz por todo o que ten que ver coa capital de España, onde se prepara unha especie de cocidito madrileño que intentan darnos de menú a todos os españois, coma se este país estivese condenado a vivir impregnado dunha madriditis inevitable.
Ayuso é un baluarte para o PP en Madrid, pero ao mesmo tempo é un activo tóxico no resto de España. Sen dúbida, a situación que ten que manexar Feijoo é diabólica. Por unha banda, a lideresa é un dique de contención a Vox na comunidade madrileña. Ela leva moitos votos que en caso contrario irían para a formación de Abascal. Doutra banda, Ayuso é unha pedra no zapato do presidente do PP. Vai por libre, márcalle a axenda en gran cantidade de ocasións e o seu comportamento pon sempre en dúbida a súa lealdade ao superior xerárquico no partido. Todo iso acompañado por un maior apoio mediático á presidenta de Madrid que ao propio Núñez Feijoo.
É probable que esta continua presión da á máis dereitista do PP fose unha das principais trabas que o galego tivo que afrontar ao longo da súa presidencia na oposición. A exuberancia dialéctica de Ayuso empequeneceu en numerosas ocasións a un Feijoo que intenta navegar entre dúas augas e que non sempre o consegue.
Agora decidiu adiantar o congreso do PP, que se celebrará a primeiros de xullo, «co obxectivo de activar o partido» e para estar preparados ante o novo ciclo electoral. Está claro que aí agarda que tome unha posición sólida sobre os acontecementos vindeiros e que, sobre todo, clarifique que no PP hai vida máis aló de Madrid, que Ayuso fóra das súas fronteiras cacarexa con sordina e que para gañar as eleccións non hai que esquecer que España é un gran país que ten unha capital que é Madrid; e non que Madrid é unha gran capital que ten un país, que é España.