A lingua das pandeiretas

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ROMERIA DAS LETRAS GALEGAS NO PAZO DE GOIANS 2025
CARMELA QUEIJEIRO

19 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Nos pisos de cidade dos anos oitenta que os nosos pais alugaran ao marcharen da aldea, non faltaba un Sempre en Galiza no moble da tele nin o caldo dos sábados enchendo de olor a unto os cuartos que consagraramos aos Hombres G co fin de contrarrestar a turra que nos daban coas súas cintas de Batallán aqueles desertores do sacho que, cunha rapidez abraiante, mudaban de lingua para dirixírense a nós en castelán. Tamén nos aprendían o Himno Galego, quizais porque se cantaba ao final dos festivais daqueles colexios postautonómicos progres que tan en serio tomaban a nova orde institucional. Alí a actividade extraescolar estrela era baile galego: aprendíanche os rudimentos do punta-tacón e, acto seguido, botabas unha hora bailando como podías, mentres as menos espelidas apañaban coa pandeireta. Ir a baile non era por conciliar: mandábannos porque había que saber como se baila aquí.

Para que a alguén lle dediquen o Día das Letras ten que estar morto. Por iso tiven unha estraña sensación de pertencer a un mundo finado cando vin que a RAG dedicaba a celebración á literatura oral personificada nunhas cantareiras que mantiñan unha tradición que viña de cando os galegos non sabían o que era Galicia. Isto de cantar e bailar galego está tan perdido que xa o tratan coma un poeta morto, pensei. Mondra enchería teatros, pero a RAG, sempre na vangarda, ía máis alá: as nenas de Vigo que matan polas entradas para as Tanxugueiras cren que a foliada é unha torta e hai que sacalas da confusión en castelán. Velaí os camiños da identidade: renunciamos á lingua viva para gardala coma unha alfaia nas cantigas, porque ser galego será emocionarse coa gaita e ter un Sempre en Galiza para ler traducido a un idioma distinto da incomprensíbel lingua das pandeiretas.