Química do fume papal

Manuel Luis Casalderrey
Manuel-Luis Casalderrey RINCÓN ABIERTO

OPINIÓN

Hannah McKay | REUTERS

09 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O fume para saber se se elixiu papa empezou a usarse no século XIX. Ao principio, a cor do fume que saía pola cheminea da Capela Sixtina non estaba moi definido e prestábase a confusións que creaban incerteza entre as persoas que na praza de San Pedro agardaban  a boa nova.

A química veu solucionar esa incerteza. O fume negro prodúceo unha mestura de perclorato de potasio, antraceno e xofre. O perclorato de potasio (KCIO4) actúa como potente oxidante e achega osíxeno á combustión. Úsase na industria pirotécnica e na produción de explosivos. O antraceno é un hidrocarburo aromático policíclico que serve como combustible principal. O xofre é un elemento químico (símbolo S) que, nesta ocasión, facilita a combustión ao reducir a temperatura necesaria para iniciar a reacción. No proceso prodúcese unha combustión parcial que xera partículas de carbono non queimadas, que son as que orixinan o fume negro. O fume branco, co que se anuncia a elección dun novo papa prodúceo unha mestura de clorato de potasio, lactosa e unha resina. O clorato de potasio (KClO3) actúa de forma parecida ao perclorato, achegando osíxeno á combustión. A lactosa é un azucre (un disacárido formado por glicosa e galactosa). Está no leite e produtos lácteos e aquí é o combustible. A resina contribúe a conseguir a cor branca do fume ao liberar partículas claras durante a combustión.