Sara Aagesen, Transición «Ecoilógica»

OPINIÓN

Mariscal | EFE

02 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Ten un apelido case tan difícil como tratar de pescudar que sucedeu o luns no que España e o presidente Pedro quedaron a dúas velas e unha lanterna de pilas. Aagesen, de nome Sara, de pai danés, de formación enxeñeira química, de actividade ministra. Aagesen, por obra e graza do fotógrafo atrapada nunha gráfica onde o que toca fondo é o seu rostro presuntamente bañado en tristeza, aínda que ela se faga a nórdica dicindo que o Goberno actuou de 10 e Rede Eléctrica nin che conto. Aagesen, botando un cable a Beatriz 545.000 euros Corredor. Aagesen, o luns nin no relanzo da súa escaleira sabían que era ministra e calquera día forma parte da curiosa nómina de membros do Gobierno desenchufados. Aagesen. Despois do visto e especialmente do non visto, quen sabe se sería máis prudente chamar á súa carteira Transición Ecoilógica. España. Nada como presumir de ter o mellor sistema eléctrico do universo para que se faga a escuridade. E fíxose.