
«Ola, ChatGPT. Poderías substituír o traballo dun psicólogo?». «Boa pregunta, e a resposta curta é non, non podo substituír o traballo dun psicólogo humano». A partir desta cuestión real a unha intelixencia artificial chego á conclusión de que, polo menos, é máis prudente que algunhas intelixencias humanas, xa que comeza a describir toda unha serie de limitacións polas que non pode abrir unha consulta (online) de psicoterapia.
Nun momento no que hai múltiples voces que ousan presentarse como terapeutas ou expertas en saúde mental, o omnipresente debate sobre a intelixencia artificial chega tamén a este ámbito. ChatGPT coincide con Javi, que me pon o café cada mañá, en que os dous son «algo psicólogos», un detrás da barra e o outro no móbil. Pero, créanme que cada un é experto no que é: Javi fai uns cafés cunha crema fabulosa á vez que me dá cháchara, e a IA refrite contidos que devora en internet que a veces axudan en tarefas nas que as persoas achegamos pouco valor.
Xustamente, a IA carece da outra: a emocional, que é unha ferramenta básica para exercer a psicoloxía. A ausencia da humanidade nas IA é insubstituíble e iso pode conducir a cometer erros graves a nivel diagnóstico, así como a reproducir nesgos que sexan contraproducentes para a persoa. Polo momento, só unha psicóloga ou psicólogo pode ler a linguaxe non verbal, os silencios, as emocións, as expresións... que ofrecen moita información que vai máis alá das preguntas que imos deixando nun chat.
A preocupación pola saúde mental, en voga nos últimos anos, fai que aparezan voraces perfís distintos prestos a tirar proveito destas tendencias. Agora son as IA, pero tamén están os autodiagnósticos baseados nun reel de Instagram, os tests irrefutables de TikTok e os gurús que che aseguran que, se desexas algo o suficiente, conseguirás que pase. Nada disto substitúe o traballo psicoterapéutico dunha persoa formada e suxeita a un código ético (un valor do que, de novo, carece unha IA). Un proceso psicoterapéutico é algo serio dabondo, porque falamos da saúde, como para xogarnos cun trebello os resultados.
O gran problema colateral é o dificilmente accesible que é a día de hoxe acceder a atención psicolóxica para moitas persoas, fronte a unha tecnoloxía gratuíta. Cando as listas de espera na sanidade pública poden superar os 6 meses, e os custos na privada van por riba dos 120 euros ao mes, abrir un fío de conversa cunha IA parece unha opción máis inmediata e económica. Pero tiremos da sabedoría popular: o de balde, ás veces, sae caro.