Morreu cos vellos zapatos postos

OPINIÓN

María Pedreda

23 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ver o papa Francisco nas súas derradeiras aparicións públicas foi unha experiencia dolorosa: o papa váisenos, está acabado, era a impresión irreprimible. Pero tamén, a lección continuada e culminante. Morreu como tiña que morrer: entre os seus fieis, ante a xente toda do mundo.

Persoalmente, vendo o que lle aconsellaban os médicos, eu non excluiría que, alá no máis íntimo da súa conciencia, Francisco sabía que estaba expoñendo a súa vida. Pero non podía marchar sen se despedir: quixo morrer aberto ao mundo, sen ocultar a súa debilidade: foi o testemuño vivo do seu empeño de comunidade universal, de fraternidade sen fronteiras e sen exclusións.

Gustaríame acertar se penso que nesa última visita o católico Vance soubo ler a mensaxe, acaso a súplica, que xa sen palabras aquel papa lle expresaba na súa impotencia física. Alí tiña diante a lección dunha vida, gastada na defensa dos humildes, dos emigrantes, dos que morren en África sen alimentos nin medicinas, dos que agonizan en Gaza baixo a destrución das bombas, talvez blasfemamente xustificadas coa Biblia. Naquela escena tan familiar reflectíase a máis limpa conciencia ética do mundo, como chamada radicalmente evanxélica e universalmente humana contra a indiferenza incomprensible fronte aos horrores que están envelenando a alma da humanidade.

Morreu un papa de vellos zapatos ortopédicos, que non servían para andar por palacios, pero permitían acudir de inmediato á chamada dos rescatados do naufraxio en Lampedusa ou visitar, xa moi ferido, Mongolia nesa viaxe que Javier Cercas narrou tan ben, retratando a súa auténtica e comunal humanidade. A dun papa santo e pecador, de pastor preocupado por animar unha Igrexa en saída, hospital para as necesidades do mundo e anunciando un Deus de misericordia incondicional, que asegura a esperanza definitiva para todos, tamén en lugar primeiro para as vítimas historicamente irreparables. Preocupación que Francisco primeireou incluso sobre calquera tentación de liderado no diálogo coas demais confesións cristiás e co Islam. Xestos que, neste último caso, puideron parecer esaxerados, nacían da autenticidade máis valente e radical.

Francisco, como papa, soubo ler o seu rol histórico no momento eclesial. Retomando de novo a explosión evanxélica acontecida no Vaticano II, inclúese con dereito propio na lista dos grandes pontífices que endereitaron a marcha da Igrexa. Pastor sen pretensións de teólogo, pero protexendo os teólogos e o seu traballo, concentrouse no cultivo da esperanza radical, sen limitacións partidistas, poñendo o centro en Xesús e consciente de que cara adiante o camiño só está iniciado.

Tivo, coma o Nazareno, oposición dura e acusacións tan inxustas como incomprensibles. Non son especialista en eclesioloxía; pero, vendo como reaccionou ante elas, atrévome a dicir que, en sentido institucional, foi, ou cando menos intentou ser, o primeiro papa de exercicio expresamente democrático. Tolerou disidencias gravísimas que onte eran simplemente impensables e deixou que a discusión intraeclesial fose clarificando as cousas. A iso apunta, noutro plano máis fondo, o esforzo por iniciar o proceso da sinodalidade, de nome difícil, pero coa meta clara de lle devolver o xusto protagonismo á comunidade dos fieis. Aínda non resulta fácil calibrar o influxo enorme que, se for levada adiante, esta difícil e complexa iniciativa pode ter cara o futuro.

Papa previamente experimentado no goberno, soubo tomar medidas enérxicas fronte aos abusos concretos que facían dano ás persoas e pervertían o testemuño cristián. Na marcha xeral soubo medir os tempos, distinguindo entre o ideal e o posible. Non fixo todo o que lle gustaría facer, e dedicouse a poñer as bases que o fixesen posible no futuro. Se en cuestións concretas freou antes de tempo ou acertou na espera, aínda non hai seguridade para afirmacións tallantes. Non lle axudou a falta —aínda moi estendida na teoloxía actual— dunha xusta distinción entre o autenticamente dogmático e o pertencente á autonomía ética ou á oportunidade pastoral (cuestión aguda e penso que mal clarificada no caso candente do sacerdocio da muller).

Dunha cousa estou seguro: puido equivocarse nesta ou noutras decisións posibles, pero non teño a mínima dúbida de que actuou en conciencia, nese discernimento radical ante Deus que foi a guía decisiva da súa vida e da súa conduta.