
Estes días as gabanzas son unánimes, pero non tardarán en xurdir as voces críticas que nunca gustaron dun papa que pretendía volver ao Evanxeo na procura dunha Igrexa pobre e para os pobres.
A revolución que moitos esperabamos non se produciu na súa totalidade, pero si houbo certos gromos que sementaron a idea de que podiamos estar tocando algúns principios marxistas, como a denuncia das desigualdades estruturais, a fin da explotación do home polo home, o individualismo, o consumo desenfreado e o obsceno amoreamento de riqueza.
Nalgunha das súas encíclicas mesmo deseñou unha ética que podería converxer nun pensamento de esquerdas, como a defensa do ben común, a crítica ao neoliberalismo, a xustiza social ou a solidariedade cos máis pobres.
Chamarlle comunista podería parecer simplista, mais teño para min que na súa mensaxe si había unha conexión entre os principios do cristianismo primitivo e algunhas das ideas básicas do comunismo.
El denunciou con firmeza os abusos dun capitalismo non regulado, a indiferenza global antes os migrantes, a perversa idolatría dos cartos ou a exclusión sistemática dos máis vulnerables. E, máis dunha vez, botou man do Evanxeo para provocar una lectura incómoda, mesmo subversiva, aínda que el non fose quen de botar os mercadores do templo. O papa Francisco conseguiu —por vez primeira— que os que non somos crentes depositásemos nel certas esperanzas, porque sabemos da importancia que unha boa parte da súa Igrexa ten no mundo, e dalgún xeito sentímonos orfos porque el tamén respectaba os ateos, mesmo se eran comunistas, porque, no fin de contas, el entendía que, aínda que non cresen en Deus, moitos comunistas poderían estar máis preto del ca moitos de dereitas.
Descanse en paz.