
O eco mediático que estes días está alcanzando a cerámica de Sargadelos invita a reflectir sobre algo máis amplo, que é o seu legado cultural e o seu significado na historia galega contemporánea, avaliando de forma conxunta o seu valor material pero tamén o valor inmaterial ou simbólico que posúe, que vai alén dun lugar de traballo concreto, da dimensión dunha fábrica e das estratexias empresariais que a guían. Sargadelos está por cima de todo isto e non hai mellor ocasión que a presente para colocar no debate público este asunto.
O topónimo Sargadelos posúe un engado especial, que deriva de moitas fontes. En primeiro termo, da continuidade sincopada de actividades industriosas alí asentadas desde que en 1791 Raimundo Ibáñez comezou cos altos fornos e coa cerámica, sendo esta última actividade a que se desenvolveu durante varias etapas ata que Isaac Díaz Pardo, desde as Cerámicas do Castro, recuperou Sargadelos a finais dos sesenta despois de moitas décadas de inactividade. Foi un proxecto que é resultado de varias experiencias previas: a de artista plástico, a de ceramista en Galicia (O Castro) e na Arxentina (Magdalena), a de mediador entre o exilio republicano e o interior e, sobre todo, a de quen pensaba, canda Luis Seoane, que era preciso desenvolver o vello mandato das Irmandades da «soberanía estética» de Galicia mediante unha arte con «raíces», que expresase a historia galega a través de formas artísticas modernas.
En segundo termo, é imprescindible recoñecer o valor cultural e mesmo experimental de Sargadelos, dadas as fecundas relacións entre deseño e industria, reflexión e actividade económica. Era unha parcería virtuosa: fabricar obxectos de consumo, mesmo popular, con deseño artístico de autor. Era o resultado concreto do Laboratorio de Formas, xestado na Arxentina pero pensado para ser executado en Galicia.
E, en terceiro termo, alén da industria, Sargadelos significou unha das apostas culturais máis ambiciosas que marcaron a Galicia da segunda metade do século XX. Nas décadas dos cincuenta e sesenta configuráronse tres grandes proxectos culturais: o de Bibliófilos Galegos (rexionalismo conservador), o do grupo Galaxia (galeguismo democrático), e o do Sargadelos, conectado co exilio republicano pero asentado en Galicia, con actividades produtivas pero tamén de difusión (editorial) e de innovación artística. Todo elo feito coa teimosía e austeridade propias do seu promotor.
Por estas razóns, Sargadelos é un nome que vai alén dunha actividade industrial e mesmo cultural. Os seus produtos inzaron os fogares galegos, acompañaron festas familiares e comunais, embeleceron institucións e dotaron dunha identidade estética a Galicia, cara dentro e cara fóra. Sargadelos é, por tanto, algo máis que unha industria e un produto comercial. No seu conxunto, debe ser visto como un auténtico “lugar de memoria”, segundo o canon establecido no seu día polo francés Pierre Nora. Para que o sexa de forma efectiva só precisa ser recoñecido como tal e, en consecuencia, tamén protexido.