É habitual crer que, cando alguén coñecido confesa que sofre un mal humano, axuda a darlle visibilidade e importancia. Pasa coa saúde mental, como puxeron de manifesto moitos deportistas. Pero as causas poden ser moi diversas.
Hai uns días, Paula Vázquez falaba da súa alopecia por tensión, Bruce Willis non ocultou que foi un neno tatexo, Yolanda Ramos acaba de descubrir o seu TDAH, mentres que Unzué leva anos de forte loita contra a ELA.
Se Mercedes Milá ou Andrés Iniesta poden sufrir unha forte depresión, non nos estrañará tanto que nos pase o mesmo.
O movemento Me Too abriu unha época nova. As mulleres teceron unha rede de axuda. Denunciar un abuso sexual é complicado. Xuntando forzas sentíanse menos soas, dáballes forza para recoñecer o que padeceran e ser quen de verbalizalo.
Pero non sempre é así, xa aparecen os «peros». Acaba de celebrarse o xuízo no que se investiga a posible agresión sexual dun político a unha actriz. O interrogatorio do xuíz Carretero que leva o caso semella máis ben un ataque. Nin a avogada defensora utilizou un ton tan agresivo. Ao escoitalo, a ninguén lle queda dúbida do que pensa o xuíz sobre o feito: non a cre.
Dá igual o que crea o xuíz. O que ten que facer é levar o proceso con profesionalidade e respecto. Non me gustaría estar na pel da denunciante.
Non son poucas as voces que critican a denuncia dos abusos en redes sociais. Cren que é fácil poñerse diante dun xuíz para ser sometida a tal ataque por parte dun profesional da Xustiza?
Non anima a acudir á Xustiza.
Non, non axuda, dá medo.