Árbores á beira do río

María Canosa
MAría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

OSCAR CELA

11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chove. Chove a cachón, a caldeiros, a mares, a chuzos. Sabémolo ben en Galicia, o país da chuvia. Daquela, non é unha novidade, pero o certo é que estes días está caendo todo por xunto. É por iso que algúns ríos desbordan e sufrimos asolagamentos. Logo do desastre ocorrido en outubro, mantémonos á espreita, e protestamos como sistema de prevención e defensa.

Sorpréndeme que, coa experiencia que temos en chuvia, cometamos certos erros. Nos medios de comunicación escoito reiteradamente como a xente protesta polas árbores que hai á beira do río. Piden que se corten, que as saquen de diante, pois acúsanas do desbordamento dos ríos e o asolagamento dos campos.

Considero isto un erro. Non se trata de plantacións artificiais, senón de especies que naceron aí por xerminación espontánea. A natureza ten as súas propias leis, que nós debemos respectar. Eses bidueiros, salgueiros, amieiros... ou outras árbores, seguramente eviten un derrubamento das paredes do leito do río. As raíces sosteñen o substrato e axudan a que se forme vexetación que cubra o solo e terme del. As árbores non son atrancos, ao contrario, axudan. O problema está no lixo. Por unha parte, os troncos e pólas que quedan nas beiras e non se retiran; e, por outra, o que nós tiramos. No leito e nas beiras hai refugallos e obxectos que impiden o correr libre das augas, pero con limpar é suficiente, sen cortar. Non deberan asustarnos as árbores, menos se son autóctonas, pero iso non nos exime de coidar o medio.