Turistas contribuíntes «glocales»

Simón Rego Vilar AO DÍA

OPINIÓN

Lavandeira jr | EFE

21 nov 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Nesta época de «incertezas excesivas» na que nos tocou vivir hai certos problemas nos que parece, lembrando a marabillosa merenda de tolos de Lewis Carroll, son «sempre as seis da tarde». Vivimos nunha permanente hora do té ao redor de libros brancos de expertos que, por sorte, adoitan envellecer bastante ben. Todo iso ata que, de súpeto, atopan a súa fiestra de oportunidade e alíñanse solucións e problemas. Dá a sensación de que este é o caso das propostas que se están expondo a nivel global e local en relación co fenómeno do turismo e a súa sustentabilidade económica, e xa crecientemente social e ambiental.

Dicía o novelista norteamericano Don DeLillo que «ser un turista significa fuxir da responsabilidade», explotar a urbe romana, o seu patrimonio arquitectónico, cultural e físico —a cidade física—, sen preocuparse demasiado pola súa civitas, das contornas de proximidade cidadá. Xerando á súa vez unha nova repartición de gañadores e perdedores no relato da cidade e nas distorsiones que xera na economía, pero tamén nas infraestruturas, os servizos, así como a planificación da resposta a situacións de emerxencia ou crise, por exemplo.

Neste contexto, especialmente no horizonte deseñado polo novo marco fiscal da UE, exponse o papel do turista como contribuínte á sustentabilidade económica, social e ambiental a nivel global e local. A nivel global, aínda que é certo que pondo énfase na garantía da seguridade, a UE prevé a entrada en vigor o próximo ano do Sistema Europeo de Información e Autorización de Viaxes (ETIAS), en virtude do cal todos aqueles cidadáns dos máis de 60 países que non necesitan visado para acceder a 30 países europeos —inclúese Islandia, Suíza ou Noruega, máis aló da UE— deberán abonar unha taxa de tramitación de 7 euros. A nivel local son múltiples as iniciativas, desde a hotel tax norteamericana, a taxe de séjour francesa ou o contributo di soggiorno italiano, pasando polos 26 municipios —e á alza— que xa cobran un imposto por noite en aloxamentos turísticos. En España, esta proposta xa formou parte do informe final da comisión de expertos para a revisión do modelo de financiamento local do 2017, que propuña a creación dun novo imposto potestativo local ligado ás estancias turísticas, co obxectivo de que os «turistas contribúan, aínda que sexa modestamente, ao financiamento duns servizos públicos dos que gozan, aínda que en menor medida que os residentes». Ante a imposibilidade legal de esixir unha taxa por servizos como a iluminación, a limpeza da vía pública ou a vixilancia pública en xeral, proponse un imposto que contribúa á sustentabilidade e para facer fronte ás externalidades negativas que xera o fenómeno do turismo de masas especialmente no ámbito local. Trátase de iniciativas relevantes se van acompañadas dunha énfase na planificación —ex-ante e ex-post— e na avaliación dos seus efectos, especialmente se os rendementos desta nova tributación están vinculados a finalidades específicas, e todo iso sen prexuízo do control de legalidade imprescindible, que, como escribía estes días no diario portugués Público o juiz conselheiro do Tribunal de Contas portugués, Pestana de Vasconcelos, é «um ato essencial de um Estado de direito» (un acto esencial dun Estado de dereito).