Avanza a Europa que non celebrou o Día D

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ANDRE PAIN | EFE

11 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Augurábase unha grande subida da extrema dereita nas eleccións europeas pero na práctica non foi para tanto, agás en Alemania e Francia. O que en si mesmo é motivo para asustarse. Se rebobinamos, en realidade o temor residía na posibilidade de que o PP europeo pactase coa extrema dereita soberanista, en detrimento dos socialistas e os liberais, para conformar o goberno de Europa. As intencións expresadas polo alemán Manfred Werner e o español Alberto Núñez Feijoo foron conxuradas polo resultado; Ursula von der Leyen non perdeu un minuto en afirmar que quere seguir a ser presidenta pactando con socialistas e liberais, as grandes correntes históricas da UE; coa mesma rapidez os verdes tamén confirmaron que están dispostos a apoiar ese grande bloque pro-europeo.

A preocupación polo avance da extrema dereita que nunca celebrou o desembarco de Normandía ten fundamento. De paso, ten sentido preguntarnos por que España non celebra aquela vitoria militar aliada. Pasaron 80 anos do Día D, Europa e os EE. UU. lembrárono coa pompa que se merecía, con toda a que se veu conmemorando dende 1954. Lembro a celebración dos 40 anos en 1984, en plena guerra fría participaron os seis países implicados e a URSS atacou duramente o acto e o discurso de Ronald Reagan. Vivindo na España da ditadura é difícil lembrar ningunha celebración anterior. En 1969, cando os 25 anos, o Réxime tiña bo coidado de desvincular aquel desembarco e aquela guerra da historia e o pasado colectivo dos que viviamos baixo a bota de Franco procuraba escurecelo nos medios de comunicación que controlaba directamente e aplicando a lei de prensa nos que controlaba indirectamente.

En España nunca se celebrou o Día D, tampouco despois de 1975; a ditadura necesitara desvincular Normandía do seu pasado —que foi o noso— porque o seu bando en 1944 non era o dos aliados senón o dos nazi-fascistas; pero tampouco nunca o reivindicou o antifranquismo da Transición. A memoria da colaboración cos aliados perdeuse no exilio, o Día D era moi americano para a nova esquerda posterior a 1968, sobre todo para a comunista que prefería a referencia a Stalingrado, a batalla de Kursk e a operación Bragation, lanzada cando os aliados occidentais abriron por fin ese segundo fronte occidental. Operacións militares tan decisivas como o Día D, pero distantes, desvinculadas da opción de derribar a ditadura nacente en España en 1944.

A historia non sempre coincide coa memoria, menos aínda coas narrativas políticas do pasado. En 1944 todo o antifranquismo estaba pendente do Día D. A guerrilla democrática de resistencia que combatía con forza en Galicia estaba conectada con aquel esforzo aliado, mentres en Normandía había galegos de Outes, de Poio, de Ramirás desembarcando cos aliados, galegas de Ferrol participando na liberación de Ruán coa Resistencia e outros chegarían axiña coa Nove para liberar París.

Os resultados das eleccións europeas obrigan a pensar que a conmemoración do pasado, o recordo, non sempre garante que os herdeiros dos colaboracionistas derrotados o Día D non avancen en Europa. Hai razóns para temer aos demagogos hoxe.