Palestina: o final dun tráxico camiño?

Juan Casares Long AO DÍA

OPINIÓN

Contacto / Zakariya E | EUROPAPRESS

04 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Hai uns días, as xentes de boa vontade recibimos unha boa noticia, xa era hora. Máis do 70% dos países recoñecidos por Nacións Unidas, representando máis do 85% da poboación mundial, votaron a favor do recoñecemento de Palestina como Estado na institución.

Fixeron falta máis de 120.000 mortos e feridos civís, outros tantos desaparecidos posiblemente baixo os miles de edificios bombardeados pola entidade israelí nos últimos meses, seis dos nove hospitais da rexión destruídos e os outros tres inutilizados. Centos de miles de árbores arrasadas. E a arma utilizada polo agresor israelí agora: a fame, para conseguir o exterminio total dos máis de dous millóns de gazatíes. E o Occidente oficial, calando: o socio protector da entidade israelí, Estados Unidos de América, disposto a facerlle un par de reconvencións, suaves, a Netanyahu, e de consolación unha axuda militar de máis de 12.000 millóns de dólares; e a Unión Europea dándolle ás a ese individuo recibíndolle dentro das súas fronteiras.

Xa o dicían Albert Einstein e Hannah Arendt, entre outros ilustres xudeus, en 1948, cando previñan a Occidente, en The New York Times e en documentos particulares, sobre quen se preparaba desde o movemento sionista para crear a entidade israelí a sangue e lume. Moito tempo despois, no 2011, un dos máis recoñecidos sociólogos do século XX, Zygmunt Bauman, avisaba sobre as consecuencias de violencia que terían «as continuas agresións e humillacións de Israel sobre os palestinos». E recentemente, neste 2024, un respectado historiador e escritor, Yuval Noah Harari, autor de Sapiens, afirmaba: Netanyahu construíu unha coalición de fanáticos mesiánicos e lerchos oportunistas.

É o momento de implementar a Resolución 242 da ONU, de 1968. É a hora xa de crear unha contorna de paz baseado na equidade e a xustiza. Quizá sexa o momento de acudir a un home que leva máis de vinte anos en cárceres israelís, por liderar a defensa dos dereitos do pobo palestino, como o foi no seu día Nelson Mandela en África do Sur. Quizá sexa a hora de recuperar a Marwan Barghouti e darlle unha opción ao sentido común en Palestina.

E é de ben nados agradecer a publicación ao longo destes meses a dura pero exemplar colección de viñetas de Pedrés & Chinto en La Voz de Galicia e conseguir manter día a día as ideas claras sobre este tema de lesa humanidade, aínda que non o único dos problemas humanos actuais (uigures, rohingyas, hutíes, congoleños, sudaneses, etíopes…) que arrasan a xeografía global, para solaz da industria armamentista.