O clan dos Preysler

Beatriz Pallas ENCADEADOS

OPINIÓN

RTVE

21 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Algunhas fichaxes de TVE examínanse con lupa e miradas de sospeita. Outros pasan no bico dos pés e vanse forxando lentamente, co pouso de quen fixo do saber estar unha profesión. De Broncano escribiuse moito, pero apenas nada do contrato en bloque que a cadea pública parece ter establecido co clan dos Preysler. Do mesmo xeito que a decana das revistas do corazón foi e é boletín oficial da familia, a cadea pública converteuse na súa lanzadeira.

Todo empezou fai cinco anos coa fichaxe de Tamara Falcó por MasterChef Celebrity. Aquela concursante en cuxas destrezas poucos confiaban ao principio revelouse por sorpresa como unha vocacional da cociña e a televisión. A final que ela gañou conseguiu o fito de meter nun estudio a Isabel e a Vargas Llosa nos seus días de viño e rosas. Cando este ano dous dos seus fillos, Ana Boyer e Julio José Iglesias, entraron no concurso de repostería Bake Off algúns foron tan mal pensados que creron que un Preysler imporíase de novo. Chámao habilidade coas tortas, chámao sorte, pero non se equivocaron. Unha triunfou e o outro non o logrou, pero acaba de ser repescado para Os Iglesias , un espazo de reformas xunto a Chábeli, a irmá maior. Ambos serán a versión nacional e glamurosa dos xemelgos Scott, remangados para decorar casas de famosos, entre elas, a da súa nai.