O tráfico en Ecuador

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Santiago Fernández | EFE

01 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Lembran que lles falei do perigo de cruzar un paso de peóns? Pois multipliquen o perigo por cen e encoméndense a todos os santos, porque para o perigo de conducir por estrada non hai remedio. Neste país a idea de manter unha distancia de seguridade non existe. As estradas están cheas de carteis para que minores a velocidade porque hai unha baixada pronunciada ou unha curva pechada, pero manter a distancia de seguridade non se menciona. O resultado é que o condutor autóctono debe de interpretar esa distancia como un espazo desaproveitado porque constantemente adiántannos pola dereita e pola esquerda, sen máis finalidade que o gusto de colocarse pegado a outro vehículo, xeralmente un autobús, ao que acaban por adiantar, saltándose unha dobre liña continua. E así sucesivamente. Todos, menos os accidentados, atopámonos minutos despois nas peaxes; ou sexa, os adiantamentos non serven para gañar tempo, porque o atasco marca a velocidade na estrada.

Falemos do uso dos carrís. O da esquerda, considerado o máis rápido en Europa, é utilizado aquí por autobuses e camións. Se teñen que dirixirse despois cara á dereita, limítanse a poñer o intermitente e lánzanse a cruzar carrís. Os que van detrás, se mantiveron distancia de seguridade, frean, e se non, prodúcese un choque en cadea. Todo isto descubrino na viaxe ao mercado artesanal de Otavalo, e cóntoo por se se animan a ir. O mercado é dunha beleza que compensa a angustia da viaxe.