Improvisación na educación

Celso Currás
Celso Currás A Nosa ESCOLA

OPINIÓN

26 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Ou anuncio na Coruña do presidente do Goberno de España da próxima aprobación de medidas para a mellora da competencia en matemáticas e lectura pon en evidencia unha vez máis o nivel de improvisación e electoralismo ao que está sometido o noso sistema educativo. Acórdanse de santa Bárbara cando trona. E cando trona? Cando un estudo coñecido, como é o caso do informe PISA, conclúe que empeoran os resultados, ou cando hai eleccións á vista. Nestas circunstancias non se asume ningún tipo de responsabilidade e, para despistar, malgástase o diñeiro público con accións improvisadas e carentes dun rigoroso estudo previo.

O referido informe da OCDE só avalía o rendemento académico en matemáticas, ciencias e lectura, sen entrar no resto do currículo nin doutros problemas fundamentais da educación institucional. Xa que logo, promover accións coma o aumento do profesorado, desdobres das clases nas referidas materias ou formación do profesorado son actuacións parciais que non corresponden á mellora xeral que está a demandar o sistema educativo. Por outra parte, estas medidas corresponden máis ás comunidades autónomas, varias das cales xa as están aplicando, que ao Goberno central, con competencias moito máis xenéricas e de coordinación.

Desde hai moito tempo, neste país demándanse dúas cousas: estabilidade normativa e un pacto xeral pola educación no que, deixando á marxe posturas ideolóxicas, se chegue a un acordo que propicie unha boa base formativa da persoa. Estamos nun bucle no que cada nova reforma supón outro bandazo que promete solucionar os problemas creados polo anterior executivo pero, ao contrario, a situación empeora máis. Desde o ano 2010 houbo intentos para conseguir un gran pacto pola educación, mais de xeito alternativo os dous principais partidos políticos retiráronse das negociacións poñendo calquera tipo de atranco que abortase o proceso.

É unha pena ver o pésimo nivel que teñen os nosos alumnos e a falta de orde e responsabilidade existente nos centros, só acalados pola resignación dos responsables desta situación e pola facilidade para conseguir o aprobado. Preocupa pasar de curso e obter títulos; non preocupa a preparación e adquisición de hábitos de traballo intelectual. Confúndese igualdade de oportunidades con igualdade de resultados e o mestre que non aproba é, por definición, mal docente. A razón tena sempre o alumno, e se este se comporta mal, non estuda e, como é lóxico, suspende, a culpa está en calquera lugar menos na casa. O rapaz non ten a máis mínima tolerancia ás dificultades e, polo tanto, buscará calquera desculpa para non estudar ou se responsabilizar da súa formación.

O único que vai conseguir o Goberno do Estado coas medidas propostas é introducir máis recursos nun sistema educativo saturado, que o que precisa e redistribución do que ten e, sobre todo, reformulación dos principios e valores xerais que o inspiran.