A contaminación mental

Xosé Manuel Barros

OPINIÓN

BASILIO BELLO

15 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante os dez anos que Mar de Fábula leva facendo limpezas de lixo mariño nas praias e coídos da Costa da Morte e na área metropolitana da Coruña, os pélets de resina, microplásticos primarios, foron unha constante para nós na beira do mar. De feito, en xaneiro do 2020 organizamos unha limpeza específica de pélets de resina na praia de Traba, en Laxe, e, un ano antes, en marzo do 2019, varios containers caeran ao mar dende a cuberta dun barco no corredor marítimo de Fisterra e milleiros de botellas de xirasol, e millóns de envases de lentes de contacto, pélets de resina e chatarra plástica invadiron todo o litoral da Costa da Morte, obrigando aos concellos a tomar medidas urxentes de limpeza e orixinando en Camelle unha mobilización histórica dos veciños para apañar toda aquela mercadoría que nos devolvía o mar.

 

 

Xa me gustaría a min que o impacto e abraio xerado estes días pola actual crise destes pélets que nos chegan das augas de Portugal e que se mesturan ao chegar á nosa costa cunha deprimente liorta política das institucións que nos representan puidesen manifestarse tamén diante do espectáculo dos millóns de microplásticos secundarios que enchen acotío as liñas de marea das nosas praias e que son resultado da degradación química e mecánica dos residuos plásticos que veñen dese gran supermercado do lixo que fixemos do mar.

As perdas de microplásticos primarios ao longo da cadea de subministracións e que sempre rematan no mar son unha constante a nivel mundial. Calcúlase que en Europa se perden 170.000 toneladas de pélets de resina ao ano. De feito, en Escocia, unha das liñas de traballo da asociación Fidra está dedicada a combater en exclusiva este refugallo plástico. No ano 2020 nas costas de Noruega, a vertedura de varios containers do barco ro-ro Trans Carrier contaminou de microplásticos primarios centos de quilómetros das costas de Noruega e Suecia. Pero nada comparable ao que aconteceu en maio do 2021 nas costas de Sri Lanka, cando o buque X-Press Pearl, procedente da India, sufriu un incendio a bordo e semiafundiu. Levaba a bordo 1.377 containers, e, deles, 422 contiñan pélets de resina de diferentes polímeros. Os pélets, mesturados co resto das mercadorías incendiadas, espalláronse por centos de quilómetros das costas de Sri Lanka e aínda hoxe seguen cos traballos de limpeza, pero, claro, isto pasou no terceiro mundo, lonxe de nós.

 A contaminación que sofren os océanos polas verteduras incontroladas e pola presenza masiva de lixo mariño en todos os mares non deixa de ser o síntoma deoutra grave contaminación paralela á anterior na súa intensidade e que afecta á sociedade moderna. Comprar e consumir de maneira compulsiva son refugallos de lixo mental que contaminan a nosa vida social inducidos polo sistema que necesita facer de nós, facer do mar, un sumidoiro de lixo para que a maquinaria non pare. E así nos vai.