Vodafone, no aire

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A Voo DE TECLA

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

13 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Un dito clásico das telecomunicacións no século XX era «servizo universal, monopolio natural». Así funcionaron Telefónica, France Telecom, British Telecom ou Deustche Telecom cando xa se sabía que a Administración dos EE.UU. ordenara dividir o negocio entre varias —poucas— empresas. Daquela a Dama de Ferro inglesa iniciou a danza da liberalización; a súa música chegou a España e continuou tocada pola orquestra da Comisión Europea. Un dos efectos bos foi a presenza de Airtel a competir coa Telefónica no eido de telefonía móbil. Presionadas pola evolución tecnolóxica, as dúas grandes empresas (como apenas outra máis) acabarían sendo Movistar e Vodafone, fornecedoras de todo xeito de servizos de telecomunicación.

Compañías con grosos investimentos en infraestrutura coma elas víronse obrigadas por directivas europeas a alugar capacidade a empresas que lles fan a competencia en prezos. Estas, usando «rede virtual» alugada, foxen de riscos de mantemento e desenvolvemento físicos. A súa proliferación fai perigar o sistema global das telecomunicacións na UE, pois se a un comerciante non lle rende o negocio logo pecha. Vodafone está no aire e non é a única propietaria de rede en tal situación, polo que Bruxelas debería arbitrar. «Servizo universal, oligopolio controlado», semella o obxectivo.