Sofía Vergara noquea a Pablo Motos

Beatriz Pallas ENCADEADOS

OPINIÓN

10 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Sofía Vergara acadou o luns a estatura de Mae West. Cando é boa é moi boa, pero cando é mala é aínda mellor. A entrevista á actriz colombiana no formigueiro fíxolle pasar a Pablo Motos uno dos grolos máis espiñentos da súa traxectoria en Antena 3, pero deulle ao espectador un dos mellores momentos televisivos. Saborearon de forma especial as súas mandobles aqueles que critican ao presentador polo ton que empregou historicamente nas súas entrevistas ás mulleres. Coa actriz de Modern Family , encasillada no seu personaxe de comedia e na súa beleza, intentou tirar de novo de clixés facendo bromas simplonas acerca da súa pronuncia en inglés ou preguntándolle se era loura natural. Pero Sofía Vergara saíu respondona e desmontou, con enorme talento, o tópico de que se durante anos foi a actriz mellor paga da industria foino tan só por ser atractiva.

O de menos é saber se a partida de pimpón que xogaron o entrevistador e a entrevistada era real ou había algún pacto de antemán. A diferenza doutros actores e actrices de Hollywood que veñen de paseo a provincias, ela coñecía á perfección onde ía e sabía moi ben quen era o seu interlocutor. No seu papel de diva xusticeira, Sofía golpeou primeiro e golpeou dúas veces e fixo a Pablo Motos morder o po.