Sobre tropos e tropas

Erika Jaráiz Gulías PROFESORA TITULAR E MEMBRO DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓNS POLÍTICAS DA USC

OPINIÓN

15 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Pedía Rufián ao Partido Popular que acabase coas hipérboles, esa figura que referencia a esaxeración á que nos ten sometidas a política dos nosos días e que converte cada acto banal dos políticos nun momento histórico, e cada titular no enunciado definitivo do noso tempo, polo menos durante ese día.

E como é máis doado ver a palla no ollo alleo que a viga no propio, e o señor Rufián ten a virtude de levantarse ás veces no hemiciclo coma se acabásese de caer dun coro de anxos, esqueceu que a maior hipérbole política dos últimos tempos en España foi o procés; e quede claro que recoñezo que este último enunciado tamén é unha hipérbole. A política está chea de tropos e figuras retóricas que dan valor ás mensaxes; o problema é cando a figura se come o contido e converte cada suceso político nun antes e un despois definitivos e definitorios.

A lei de amnistía entrou a debate despois de que non quede en España nin un só cidadán que non teña emitido a súa opinión sobre a mesma; mesmo cun certo cansazo sobre o espazo que os medios lle dedicaron nos últimos tempos, e demasiado desgaste en idas e vindas argumentais duns e outros. E iso quere dicir que durante a súa tramitación non haberá nin unha soa novidade ao que xa se dixo, porque mesmo os que debesen de axuizala despois de que pasase polas Cortes hanse atrevido a emitir antes as súas posicións.

O problema das hipérboles sostidas é que só poden rematar en dous destinos: ou os cambios radicais de posición, ou o cansazo e desafección dos cidadáns cara á política hiperbolizada.

A década anterior supuxo a alteración do sistema de partidos, a aparición de cambios na estrutura de poder político, a xeración de posicións polarizadas. Tanto Feijoo como Sánchez teñen que definir se queren apostar por continuar nese camiño ou relaxar o uso dos tropos e volver á centralidade da política.

Recoñezo que a estas alturas estou farta de que o funcionamento dos trens de proximidade de Madrid sexa un problema que ocupe a maior parte dos informativos e dos faladoiros das cadeas estatais, coma se Madrid fose España. E talvez, á vez que decidimos se os mozos poden levar teléfono móbil ao colexio, poderiamos dicir se llo quitamos aos ministros e ás presidentas de comunidade para que non poidan exhibir as súas habilidades semánticas nas redes durante horario de traballo.

Porque se algo me preocupa neste novo tempo é que, máis aló da utilización de tropos, a propia definición das tropas invita os cidadáns sensatos a pórse un casco e gorecerse da política.

O problema non son os tropos, señor Rufián, son as tropas; esa tropa da que vostede forma parte, esa tropa de incapaces de debater e construír nos espazos de interese da cidadanía e empeñada en levar a semántica aos espazos da confrontación continua e das lealdades cativas. Porque iso é o que buscamos con este tipo de linguaxes, que os que nos apoian non poidan ir a outra tenda política, non poidan formar parte doutra tropa, porque todas están moi distantes da nosa. Non vai só de tropos, tamén vai de tropas.