Débeda e igualdade

Antón Riveiro Coello
Antón Riveiro Coello Ou ESPOLÓN

OPINIÓN

Enric Fontcuberta | EFE

06 dic 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Di Tony Judt que non importa o rico que sexa un país, senón a súa desigualdade. Canto menos distancia de renda haxa entre quen máis cobra e quen menos, o benestar será maior e medible. A pregunta que me fago e se esta correspondencia a poderiamos aplicar no caso de España, atendendo ao gasto público das súas comunidades autónomas, que teñen que manter políticas de educación e sanidade con cartos dos seus presupostos. É certo que o Goberno, debido a moitas das transferencias, non se pode meter en moitas das decisións que cadansúa comunidade toma, pero si poderá loitar polo principio de solidariedade e teimar nunha progresividade que evite os desequilibrios. Nos vindeiros días, unha vez que a amnistía deixe de ser o problema principal do país, asomará a condonación efectiva da débeda, coa máis que probable inxección económica para comunidades como Madrid, que pediron préstamos por fóra do Estado e cun interese maior. Nese intre, o Goberno debería poñer condicionantes que obriguen a un uso exclusivo en políticas sociais e non para lles evitar impostos aos máis ricos. Porque a igualdade non é perdoarlles a todos o mesmo, senón analizar que comunidades se endebedan por unha mala xestión e cales non. Pensar que iso é igualdade parécese moito a unha anécdota da miña nai, que levaba un tempo con dores nos xeonllos e non deixaba de se queixar. Nesa época recibiu a visita dunha veciña moito máis nova ca ela que viña de perder un ollo, aínda tapado da operación. Diante das queixas un chisco esaxeradas da miña nai, a veciña puxo o contrapeso da súa desgraza pola perda de visión dun ollo, e a miña nai, absorta na súa razón, espetoulle que non eran casos iguais porque ela tiña afectados os dous xeonllos e a ela, cando menos, aínda lle quedaba outro ollo.