Póxase dinosauro

Aurora Grandal PROFESORA TITULAR NO INSTITUTO UNIVERSITARIO DE XEOLOXÍA DA UDC

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

03 dic 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Unha das máis coñecidas casas poxa (Christie's) anuncia a saída a poxa de Baby Jane, un cranio xuvenil de triceratops, un dinosauro con tres cornos e unha ampla e inconfundible gola, polo que agardan conseguir polo menos medio millón de euros. Se os prognósticos se cumpren, pasará a mans dalgún coleccionista de rarezas. A moda comezou hai 25 anos coa poxa dun esqueleto de tiranosaurio, finalmente adquirido por un museo norteamericano. Outros exemplares non tiveron tanta sorte, rematando en mans de compradores anónimos, para o goce duns poucos.

A venda de fósiles a particulares é frecuente en países como Estados Unidos, onde a propiedade privada prevalece sobre o interese público. Pero coñécense moi poucos esqueletos de dinosauros ben conservados, apenas unhas decenas, pois o que vemos na maioría dos museos son réplicas. Por iso a comunidade científica laméntase cada vez que un exemplar excepcional pérdese polo coleccionismo privado.

Na maior parte dos países de Europa, as leis de patrimonio non permiten que ocorran estas cousas. En Galicia tampouco sería posible porque, polo menos no continente, non hai restos de dinosauros. En Galicia durante 300 millóns anos predominou a erosión sobre a acumulación, e os dinosauros que sen dúbida existiron non se conservaron, desaparecendo pola erosión. Ademais, a Lei de Patrimonio Cultural, redactada por arqueólogos, só ten aplicación aos xacementos paleontolóxicos relacionados co ser humano e a súa historia, e os dinosauros son moitos millóns de anos máis antigos.

En Galicia había outros xacementos de interese paleontolóxico nas concas lignitíferas de Meirama e As Pontes (como tamén nas de Maceda, Xinzo, etcétera). Nelas houbo fósiles de fai 40 millóns de anos, pero foron eliminados co lignito para producir a enerxía que tan alegremente consumimos. NAs Pontes, o interese de responsables e traballadores da mina levou a conservar polo menos unha mostra da súa riqueza paleontolóxica: vexetais de diversas especies, tartarugas, ras e ata crocodilos. Carecendo de protección legal, é só a boa vontade do concello e algúns particulares o que permite estudar parte destes vestixios do noso territorio no pasado. Pero non se pode contar coas actitudes voluntaristas. De aquí a que os fósiles se vendan ao mellor ofertante hai só un pequeno paso.