Níxer: o país máis pobre do mundo ameaza a Occidente

Jorge Quindimil PROFESOR TITULAR DE DEREITO INTERNACIONAL E RELACIÓNS INTERNACIONAIS DA UDC

OPINIÓN

STRINGER | REUTERS

10 ago 2023 . Actualizado á 05:00 h.

O centro de atención mundial xa non está en Ucraína, senón no país máis pobre do mundo, Níxer. Desde o pasado 26 de xullo, un novo golpe de estado e a pantasma da guerra azoutan a este país do Sahel, a rexión máis pobre, violenta e inestable do planeta. Dúas semanas antes, a Universidade de Oxford publicaba o seu Índice de Pobreza Multidimensional, que sitúa a Níxer como o país máis pobre: dos seus 27 millóns de habitantes, máis de 24 millóns sofren pobreza (91%). O polígamo Níxer tamén ten a maior taxa mundial de fertilidade, cunha media de case sete fillos por muller! O presidente derrocado, Mohamed Bazoum, estaba decidido a mellorar a grave situación do país, situándoo como o terceiro co maior avance democrático do mundo, segundo o Democracy Index 2022 de The Economist.

O país máis pobre é moi rico: ouro, petróleo, carbón, fosfatos e, sobre todo, uranio. A riqueza, a corrupción e as desérticas fronteiras de Níxer e do Sahel convertéronlles en gorida de criminais de toda ralea, desde Daesh ou Al Qaida ata Boko Haram e os mercenarios de Wagner, infectando a zona con tráfico ilícito de armas, drogas, migrantes e terrorismo. Segundo o Global Terrorism Index 2023, os países co maior incremento de actividade terrorista a nivel mundial están no Sahel, especialmente Burkina Faso, Malí e Níxer, co 70% dos ataques terroristas no planeta no 2022.

Estes tres países sufriron golpes de estado nos últimos anos e, cun discurso antiimperialista e panafricanista, cortaron lazos con Occidente e expulsaron tropas para abrazar as posicións do Kremlin. Os tres acaban de unirse para defender o golpe de estado en Níxer fronte á Cedeao —que ameaza con sancións e coa guerra— e fronte a Occidente, con Francia á cabeza. Como antiga potencia colonial, ten os maiores intereses no país, especialmente enerxéticos. Na última década, o 20% do uranio que abasteceu os 56 reactores nucleares que xeran o 70% da enerxía en Francia proveu de Níxer.

Os golpistas rexeitaron calquera intento de diálogo, queimando bandeiras occidentais e ondeando bandeiras de Rusia, que lles prometeu apoio político, militar e agrícola, con propaganda para alimentar na rexión o odio a Occidente. Putin non regala nada: esixe apoio político e recursos naturais para o seu propio imperialismo mercenario.

O mundo é menos democrático e máis violento. Segundo a Universidade de Upsala, o número de conflitos no planeta multiplicouse desde a Guerra Fría —pasando de 84 a 186— e o ano 2022 rexistrou o maior número de vítimas de todo o século XXI, xunto con marca histórica de gasto militar.

Quizá chegou o momento de esixir aos nosos gobernos occidentais unha relación máis equitativa co sur global en prol dun mundo máis pacífico e democrático. O razoable é utópico no mundo do despropósito.