A política é un meme

César Casal González
césar casal CORAZONADAS

OPINIÓN

11 jun 2023 . Actualizado á 10:47 h.

Parece que imos rápidos, aínda que vivimos sobre unha mentira xigantesca. Todo se repite. Pero a sensación que temos é que estreamos cada mañá o vento. É o efecto do móbil. Surfeamos a vida sobre pantallas e crémonos que é a realidade. Andy Warhol dicía que todos temos dereito aos nosos cinco minutos de gloria. Pois agora semella que todos temos dereito ao noso meme que peza o mundo. Fixar na política! Non hai mellor laboratorio que a política. Temos outra vez xerais. Din que son unhas xerais cantadas. Verémolo. Igual nos atopamos con outras xeneralas en decembro, como no 2019, ao saír das urnas outra España ingobernable. O resultado das municipais e das autonómicas, onde as houbo, parece anunciar que non será así, pero hai moita campaña que cortar. E, sobre todo, hai moito meme que contar. 

É a política a que nos demostra que todos buscamos o meme perfecto. A política é un meme. Non nos cremos nos últimos comicios a Ione Belarra como Supergirl e a Irene Montero como Wonder Woman. Foi un intento á desesperada que fixo Podemos, un par de días antes de votar, caracterizando ás ministras como superheroínas para incendiar as redes con memes virais e darlle a volta ás enquisas. Ás enquisas das empresas serias, non ás de Tezanos. Tezanos e as súas enquisas son un meme.

Nesta vida podes ter o meme a favor e o meme en contra. Unha campaña, e todo o seu traballo, pode saltar polo aire pola foto equivocada. Cada vez máis, os partidos empregan máis talento en lograr o meme que alce ao seu candidato ou que esnaquice ao rival. Ollo ao meme que te converte en memo. Os debates televisivos serán claves. E non serán as palabras as que queden, serán os memes.

O talento na rede é brutal e o seu ritmo salvaxe. Non hai quen o free. Os carteis electorais e os valos non as ve ninguén. Unha foto xenial e acertada si que se multiplica ata o infinito e máis aló nos móbiles. Unha imaxe viral que salta como unha pulga visual de móbil a móbil pódeche dar ou quitar escanos, maiorías. É na política ficción que estamos. Tic, tac. TikTok. Vótase por sensacións, non por discursos.

Quen le os programas? Os mesmos que hai anos vían os documentais dA 2. Un exemplo. Podemos presentábase ás últimas eleccións coa proposta dun todo gratis: renda universal garantida (700 euros; unha familia con dous fillos: 1.400), comedores escolares gratis, transporte gratuíto, etcétera. Incluía tamén un límite ao prezo da luz e outro ao dos alimentos. É incomprensible que non arrasasen en votos regalando o custo da vida de tal xeito. Que faltoulles? Facer un meme de semellante programa para que os votantes nos decatásemos de que nos podiamos ir para casa a descansar en igualdade, con todo pago polo Estado. O que logre o mellor meme propio ou o peor do rival gañará. Brutal, a foto meme da campaña do PP en Madrid dos carros da compra xigantescos, imposibles, que resumían a carestía da era Sánchez. Aguanta España catro anos máis do seu Goberno?