O mango: relaxa e quita a fame

carmen reija FARMACÉUTICA E DIVULGADORA SANITARIA

OPINIÓN

29 may 2023 . Actualizado á 05:00 h.

O mango é o froito da árbore de folla perenne Manglifera indica, cultivado no sur de España, pero procedente de Asia, onde é considerado un símbolo de fertilidade e amor, utilizándose as súas follas nas vodas. O tamaño do froito é variable, sendo o máis frecuente atopar no mercado os mangos cun peso de entre 300 e 400 gramos. 

Aqueles que se recollen no punto xusto de sazón son os máis ricos e conservan todas as súas propiedades nutricionais. Escolla os que non resulten brandos ou moi duros á palpación e cun cheiro agradable, non demasiado dulzón porque podería estar pocho. Se presenta manchas negras, pel engurrada ou cheiro desagradable, non o escolla. Consérveo en neveira a temperatura non moi baixa e consumir pronto.

Contén auga, minerais (potasio, ferro, magnesio e fósforo), vitaminas (grupo B, C e E), betacarotenos (provitamina A) e fibra. Presenta poucos hidratos de carbono, graxas e proteínas, achegando unhas setenta calorías por cada cen gramos. Non contén sodio, polo que está indicado para dietas con restrición deste elemento.

Considérase bo antioxidante polo seu contido en vitaminas C e E (neutraliza os radicais libres e aumenta as defensas), é apropiado para o coidado da visión e a pel (polos betacarotenos precursores de vitamina A), favorece a relaxación (polo seu contido en triptófano, magnesio e vitaminas do grupo B), mellora o tránsito intestinal (pola fibra laxante e saciante) e prevén a retención de líquidos (polo potasio).

Prepáreo tras lavalo e pelalo. Córteo en dados ou toros e comer inmediatamente. Pode engadirlle zume de limón ou de laranxa e usalo en sobremesas, marmeladas, ensaladas, con queixo, carnes e peixes.

Describíronse casos de dermatites de contacto pola resina que contén a pel e, polo seu contido en potasio, non se recomenda o seu consumo excesivo a enfermos renais.