Turismofobia en Portozás

OPINIÓN

Los protagonistas de la serie «Mareas Vivas»
Os protagonistas da serie «Mareas Vivas» La Voz

12 ago 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A serie Mareas Vivas deixou profunda pegada en Galicia. Varias xeracións aínda lembran a personaxes como Currás, Melgacho ou Petróleo naquel Laxe televisivo chamado Portozás. A produción de Voz Audiovisual que protagonizou Luis Tosar triunfou nunha época, a do cambio de século, na que conectarse a Internet non era doado en Galicia.

Portozás resucitou por un día cando no 2018 cumpríronse 20 anos do seu éxito irresistible. E renaceu outra vez, de forma virtual e viral, o mércores. A razón? Unha broma en Twitter a conta das queixas que certos turistas manifestan cando visitan Galicia.

«A miña familia e eu sempre veraneamos en aldeíña galega chamada Portozás, e aquí ninguén ten a decencia de contestar en castelán. Nin a caixeira do supermercado, nin o xuíz do pobo. ¡Ninguén!», escribiu con retranca un usuario. E a lio parda.

As respostas dos que se decataron da troleada foron enxeñosas. Outras, as dos haters e as dos que non contan ata dez antes de manifestarse, foron ridículas. Vertéronse insultos contra os galegos. E tamén os houbo contra o autor do fío, que seguiu tomándolles o pelo e provocando a aparición doutras imaxinadas denuncias de malos tratos ao visitante en lugares de fábula e ficción como Ardebullo, Louredo ou Serramoura. E o peor puido pasar na Castroforte de Baralla de Torrente: ensimesmada, a cidade púxose a levitar. Sen alertar aos turistas que nese momento esixían unha segunda tapa gratis coa bebida.