Natalismo, fatalismo e derechismo

Pedro Armas
Pedro Armas LIÑA ABERTA

OPINIÓN

PRADERO

29 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Reúnense os presidentes autonómicos da «España baleirada» e falan de despoboamento . A proposta de aumento da natalidade como solución demográfica ten adeptos en todos os partidos, pero nos últimos anos converteuse nunha bandeira da dereita e nun ariete da ultradereita. Non é casualidade e non é só cuestión nacional. Historicamente, o natalismo apareceu vinculado a líderes como Stalin, Ceaucescu ou Franco; con todo, co auxe do neoliberalismo nos anos oitenta, cambiaron mesmo as políticas demográficas da ONU, pasando do control da natalidade á saúde reprodutiva, porque a Administración estadounidense deixou de financiar o family planning, debido á presión de lobis ultraconservadores (relixiosos, antiabortistas).

Destacando a connotación positiva de certos conceptos, como familia, parella ou fillos, e recalcando a connotación negativa doutros, como sexualidade ou emigración, uns cantos líderes políticos se apropiaron da demografía, sen contar cos demógrafos. O seu é pura ideoloxía, nada que ver coa ciencia. Os demógrafos desmontan unha e outra vez contos sobre o inverno demográfico, o suicidio poboacional, o declive da civilización, o deserto habitacional, o efecto chamada, a invasión de ilegais ou o fin da españolidade. En ocasións son convocados a comparecencias parlamentarias ou a formar parte de paneis técnicos, aínda que se prescinde das súas conclusións. Os demógrafos son utilizados e as súas ideas substituídas polas doutros supostos expertos, membros do Instituto de Política Familiar, Fundación Renacemento Demográfico, Profesionais pola Ética, Avogados Cristiáns ou organizacións similares, que ata descolocan á Conferencia Episcopal.

Ditas ideas acientíficas, radicais e integristas concrétanse en propostas políticas. As comunidades autónomas gobernadas polo PP deseñan plans natalistas de dinamización demográfica tan anacrónicos como propagandísticos. As comunidades máis ou menos cogobernadas por Vox asumen como obxectivos das súas políticas demográficas o apoio ás familias numerosas, o asesoramento para evitar abortos, as campañas prol-vida e prol-familia (prol-familia nacional, enténdese), a dotación de garderías e a desgravación fiscal segundo número de fillos; ademais de cadrar o círculo demandando a redución de todo tipo de impostos. ¡Que importa o posibilismo; a nato-filia suma votos e a xenofobia multiplícaos!