Que debería incluír a Lei Concursal para evitar a quebra das empresas?

Isaías González García / Ramón S. Paz lamela SOCIO E AVOGADO, RESPECTIVAMENTE, DE VENTO AVOGADOS E ASESORES

OPINIÓN

J. M. CASAL

04 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Expor melloras que eviten o estrepitoso fracaso que supuxo a tan relevante e conflitiva Lei Concursal, que foi obxecto de mil e un reformas desde a súa entrada en vigor, constitúe un reto. Intentémoslo, con máxima prudencia e respecto a outras opinións. Poderían ser infinitas; limitarémonos a presentar unha serie de ideas para iniciar o debate:

1ª. Crear un mecanismo de cooperación entre o lexislador, entidades de dereito público (colexios ou asociacións profesionais, organizacións empresariais e sindicatos) e entidades financeiras para a posta en marcha dunha ferramenta que detecte e alerte de situacións de crise e facilite a autónomos e pemes (e aos seus grupos de interese) a súa toma de decisións. Para iso, a norma debe establecer os cocientes ou indicadores de referencia e impulsar a colaboración entre aqueles axentes.

2ª. Constituir un servizo de asesoramento para empresas en dificultades.

3ª. Potenciar a mediación como remedio ao bloqueo que produce un texto excesivamente garantista que pode chegar a desencadear a quebra de empresas viables.

4ª. Profesionalizar a administración concursal, deseñando un sistema de acceso baseado na súa experiencia e especialización, que a presente como un experto de referencia en reestruturacións.

5ª. Esixir a presentación, xunto á solicitude de concurso, dunha valoración por experto independente da empresa ou das súas unidades produtivas, que facilite a conservación de actividades viables e o seu emprego.

6ª. Pór en marcha, entre a Administración, colexios ou asociacións profesionais e organizacións empresariais unha plataforma que impulse a transmisión de negocios. En tal sentido, a norma tería que requirir a publicidade dos datos mínimos da empresa a través dun portal que garanta a transparencia exixible e a concorrencia de diferentes investidores.

7ª. Evitar todo risco de derivación de responsabilidade en materia laboral e de Seguridade Social a adquirentes de negocios en sede concursal, sen relación algunha con anteriores xestores ou propietarios.

8ª. Eliminar ou, polo menos, reformar a sección de cualificación. O temor ao seu resultado retrae a empresarios e empresarias á hora de instar o seu concurso.

9ª. Deseñar un procedemento simplificado para autónomos e consumidores, do que coñezan xuíces especializados, que ofreza unha verdadeira segunda oportunidade e garanta a exoneración de todas as débedas, incluídas as de dereito público.

A sorte está botada. A ver con que nos sorprende o lexislador coa reforma da lei concursal que se está deseñando nestes momentos.