O final de Kominsky

Beatriz Pallas ENCADENADOS

OPINIÓN

09 jun 2021 . Actualizado á 08:45 h.

A terceira tempada dO método Kominsky arrinca abordando directamente o maior lastre co que ten que cargar nos seus capítulos de despedida: dos dous personaxes nos que se apoiaba esta comedia ao redor da vellez, un xa non está. Alan Arkin, que encarnaba ao descreído axente de actores Norman Newlander, preferiu baixar en marcha e dedicarse a escribir as súas memorias espirituais antes que volver actuar nesta serie coa que Chuck Lorre que gañou un Globo de Oro. O creador soluciona a súa ausencia da forma máis pragmática, matando o personaxe, entrando directamente no seu rocambolesco funeral e deixando ao mestre de actores Sandy Kominsky cargar con todo o peso da súa ausencia real e figurada.

A pesar deste escollo que supón deixar á parella protagonista reducida á metade, a sombra do finado sobrevoa e a acción consegue manterse á altura. Á falta dos faiscantes diálogos entre Sandy e Norman, a serie potencia a chiscadela para cinéfilos que supón reunir de novo a Michael Douglas e Kathleen Turner como exparella. Quen se encolle ao ver o paso do tempo gravado nos rostros dos de Friends teñen outra boa lección de nostalxia neste dúo que marcou unha época da comedia con tensión sexual con Tras o corazón verde, A xoia do Nilo e A guerra dos Rose.