Falta moito?

OPINIÓN

miguel souto

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Pasoulle moitas veces. Ten unha viaxe longa por diante. Con toda a familia. Maletas feitas, música seleccionada, xogos preparados, auga, ata algún tentempié. Un café antes de saír, para estar esperto. A ruta seleccionada no navegador (antes foi no mapa). Tres, catro ou sete horas por diante. Sae do garaxe, con ganas de empezar a rodar e armado de paciencia para a ruta, que se vai facer longa. Sabe ata en que gasolineira vai parar a encher. Aínda non saíu da súa rúa e o neno pregunta: Falta moito?

É hoxe, co estado de alarma recentemente desactivado, cando os adultos comprendemos un pouco mellor ao neno do asento de atrás. Ou deberiamos. Porque desde que empezou esta viaxe, pasados os quilómetros iniciais da pandemia, todos empezamos a facer esa pregunta: Falta moito? Xuntábansenos -como aos pequenos, que non son capaces de comprender a verdadeira dimensión do tempo e a distancia- a incerteza, os medos, a angustia, o tedio, o aburrimento, a preocupación, a desilusión... e o único que queriamos saber, aínda que ninguén era capaz de darnos unha resposta, era canto faltaba. Nin sequera sabiamos para que. Só pretendiamos que alguén nos dixese que «isto» ía acabar. Nunca un determinante demostrativo tivo tanto contido, tantos matices, tanto significado, tanto peso. En só dous sílabas.

Eu, que prometín que faría tantas cousas en éraa D. C. (despois do coronavirus) engado unha: ter máis paciencia cando escoite falta moito? E outra máis: aplicar desde hoxe o que tantas veces dixen virando a cabeza cara ao asento de atrás: paciencia, que aínda nos queda e o importante é que cheguemos ben.