Helicopteriño en Marte

Manuel Luis Casalderrey
Manuel-Luis Casalderrey RECUNCHO ABERTO

OPINIÓN

21 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Un helicóptero voando en Marte é case unha utopía, que se fixo realidade co helicóptero Ingenuity, que chegou a Marte protexido na parte baixa do vehículo Perseverance, dentro a misión Mars 2020 da NASA. É difícil crer que nunha atmosfera tan tenue como a de Marte poida voar un helicóptero. A presión atmosférica na superficie de Marte é de 6,1 mb e na da Terra é de 1.013 mb (166 veces maior na Terra). A presión atmosférica exércena os gases da atmosfera.

Os helicópteros elévanse na Terra pola diferenza de presión creada polo movemento de xiro das aspas do rotor. Créase unha presión (de sustentación) maior na parte alta das aspas, que supera o peso do helicóptero para que poida ascender. Algo parecido sucede nas ás dos avións. Na Terra os helicópteros transportan masas que van desde os 1.500 aos 3.500 quilos. A masa do Ingenuity é de só 1,8 quilos (helicopteriño) por iso pódese conseguir que voe a pesar da tenue atmosfera de Marte. Están programados cinco voos cunha duración duns tres minutos cada un, con elevacións de entre 3 e 10 metros e cun percorrido máximo de 300 metros. Toda unha proeza tecnolóxica. O Ingenuity leva unha cámara de alta resolución co obxectivo apuntando cara abaixo para inspeccionar o chan e así detectar por onde se despraza e poder aterrar con seguridade posteriormente.