Xices de cores

David Pintor
David Pintor EN LIÑA

OPINIÓN

DAVID PINTOR

09 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os que temos nenos moi pequenos sabemos perfectamente que cando imos ao parque con eles sempre hai moitas cousas que temos que levar: a merenda, unha muda polo si ou polo non, toallitas húmidas, o chapeu para o sol, o xoguete favorito do peque, un pouco de auga, o carriño, etcétera... Por iso os papás acabamos unidos durante varios anos a unha gran mochila na que poder gardalo todo. Ultimamente na miña mochila hai algo que convertín en imprescindible: unha pequena caixa de xices de cores. Teño máis que comprobado que, cando boto man deses xices e animo á miña filla a pintar no chan do parque, inmediatamente únense a ela outros nenos e acaban formándose unhas dinámicas colaborativas marabillosas nas que os nenos acaban xogando entre eles. É un fenómeno moi interesante polo cal pequenos que estaban a xogar sos atopan un motivo novo para xuntarse.

É para min unha demostración do gran valor do debuxo, xa non só como forma de coñecer mellor o mundo que nos rodea, senón como instrumento que nos axuda a expresarnos, pero tamén a relacionarnos, cousa que cada vez se fai máis necesaria. Este xesto de deixar xices de cores para que a xente de renda solta á súa imaxinación xa o viu hai anos na cidade de Toronto, onde os organizadores dunha festa urbana de verán pensaron que o mellor xeito de que a xente participase no festexo era que todos puidesen facer debuxos no chan. Como poderán imaxinar, a rúa principal do evento converteuse nunha explosión de cor e de fantasía.

Hai un tempo, a Asociación de Profesores de Debuxo de Madrid pediu a varios ilustradores españois que lles apoiasen a través dun vídeo nunha campaña para que non se reducisen as horas de debuxo na nova lei de educación. Eu mandeilles un vídeo no que me preguntaba se a estas alturas da película hai que explicarlle aínda a alguén o valor da pintura, da literatura, do teatro ou da música. Se realmente hai alguén que ten algunha dúbida respecto diso, que poña unha caixa de xices de cores en calquera parque e agarde a ver que pasa.