62

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro Ou PAÍS DÁS MARABILLAS

OPINIÓN

Santi M. Amil

25 mar 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Cumpriu 62. O Paco Mariló. Un home preparado en todos os sentidos da palabra «preparado». Ninguén llos bota, os sesenta e dous. El di que está mellor ca nunca. O pelo branco, tipo Richard Gere, e a fortaleza de corpo e ánimo que sempre tivo. Na fin de semana, aproveitando que podiamos convivir con non convivintes en restaurantes pero non nas casas (inintelixible), fomos á montaña. Comimos na Gudiña, que segue a ser un dos lugares onde mellor se come de Galicia, e despois fomos ver o bambán que se fixo famoso en todo o país por ser o que está no lugar máis alto. Mil sesenta e cinco metros. Fixemos unha foto. E a verdade, véndonos parece que non pasaron os anos. Seguimos sendo os de sempre. Sen comidas da cuadrilla nin festas rutilantes… pero os mesmos. O coronavirus roubounos tantas cousas que o día que nos poñamos a contalas non imos dar abasto. Pero seguimos en pé. El, fundamentalmente. Levaba semanas cavilando na excursión da pasada fin de semana: Prado Alvar, a Edrada, algúns dos paraísos que aínda quedan no noso pequeno gran país. Qué erudición. Non deixou de falar en toda a viaxe. Nin a Berta, nin a Malucha, nin eu mesmo, e mira que son falador, ousamos pronunciar palabra. Falounos de vías romanas e de viandantes que hai mil douscentos anos ían de Madrid a Santiago cruzando aquelas terras pedregosas. Os seus costumes e guerras. As súas roupas e aderezos e modos de vivir. As súas esperanzas e preocupacións. Canta sabedoría! Despois molestouse coa Malucha e comigo porque puxemos en cuestión os seus coñecementos. Díxonos, taxativo: «Levo semanas consultando a Internet para este día… e aínda pondes reparos!». 62 anos. Nunca o vin mellor. Certo.