Principio de indeterminación e 8M

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

David Fernández

07 mares 2021 . Actualizado ás 21:54 h.

Non se pode determinar, simultaneamente e con precisión arbitraria, a posición e o momento lineal dun obxecto dado. O simple feito de contemplar unha partícula, modifícaa sen remedio. Sentenzas como estas foron escritas por Heisenberg, que ademais do sobrenome de Walter White (o protagonista de Breaking bad), era un científico reputado que estudaba a mecánica cuántica. Non entremos en semellantes labirintos. Somos profanos en ciencia e todo este mundo, tan real e marabilloso, énos alleo. Como tamén o somos, profanos, na prospectiva económica deste país. Ou o futuro social. Ou o rumbo ideolóxico ao que os compañeiros e compañeiras, socialistas e podemistas, están a someter a España enteira. Enxeñería social, chámana. Menos mal que os galegos nos situamos no oeste, onde todo chega máis tarde e as epidemias, tamén as ideolóxicas, arriban a destempo. Resulta que agora se che sentes muller, xa es muller.

As feministas de toda a vida, as que se partiron a cara e a alma pelexando polos seus dereitos, están encrespadas. E os xuristas, tamén. Porque o asunto este, que se moveu desde a extrema esquerda, está a reportar casos xudiciais hilarantes (en divorcios, fundamentalmente). O cume do disparate en que nos queren facer vivir, sitúase en Inglaterra , moi «adiantada» tamén nestas cuestións. Alí Karen White, que se chamaba Stephen Wood orixinariamente, estaba en detención preventiva por tres violacións que perpetrara como home. Non se someteu a ningunha operación de cambio de sexo, pero afirmaba «sentirse muller». As autoridades enviar a un cárcere de mulleres. Alí Karen volveu ser Stephen e dedicouse a abusar de varias presas.

Talvez conveña esquecernos un pouco do que sentimos, ou como nos sentimos, e pensar máis no que nos merecemos. E a nosa sociedade non se merece que Irene Montero e Carmen Calvo estean a protagonizar, ata hoxe mesmo, un sainete que a todos nos avergonza. Principalmente aos que nos declaramos mil veces feministas. Seguímolo sendo. E máis que nunca. Porque loitar pola igualdade de dereitos plena é un obxectivo ao que non podemos renunciar. Pero tampouco podemos seguir caendo na caricatura que o colectivo LGTBIQ está a perpetrar coa aquiescencia dunha parte, polo menos, do executivo español.

Ser feminista segue sendo unha necesidade. Con todo, o que está a aparecer (como unha imposición) no noso país xa limita co esperpento: a deformación da realidade.

Vivimos na absoluta indeterminación, como postulaba Heisenberg na súa mecánica. Talvez nos conviría saber onde nos quere levar o actual «Goberno de progreso». Progresar, que llo pregunten aos xuíces ingleses que meteron a Karen/Stephen nun cárcere de mulleres, é, sen ningunha dúbida, outra cousa.